14 de xuño de 2026
As instalacións, que serán máis modernas e seguras ademais de ampliar a zona deportiva, estarán equipadas para practicar voleibol, balonmán, tenis e fútbol, e o investimento total é de case 120.000 euros
O Concello vén de adxudicar esta semana as obras de rehabilitación da zona de deportes de praia de San Pedro de Visma, que traerá un novo complexo dotado para practicar diferentes disciplinas que van desde o balonmán ata o fútbol, o voleibol e o tenis praia. O investimento, que se enmarca no impulso e ampliación xeral que o Goberno de Inés Rey está a facer nas instalacións deportivas da cidade, será de 119.196,87 €.
"A relación cos deportes de praia nesta cidade é moi estreita. Este recinto totalmente equipado, que a veciñanza poderá desfrutar libremente, daralles un forte impulso a estas disciplinas que, cada vez, teñen máis persoas afeccionadas", valorou o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez.
O novo complexo terá unha superficie de xogo duns 1.200 m2 e unhas dimensións de 30x40 metros, e supón a renovación da área deportiva, mellorando a calidade de xogo e a drenaxe (tamén a subterránea, coa inclusión de colectores de espiña de peixe para a evacuación da auga). Ademais dunha mellora na seguridade cun novo peche perimetral e a colocación de redes de protección para aumentar a funcionalidade do recinto.
A moderna instalación incluirá tamén a colocación dun novo sistema de iluminación LED equipado con 4 báculos de 8 metros de alta eficiencia para practicar deporte pola noite, así como o pintado e a recuperación de muros existentes e outras actuacións de posta a punto dos diferentes elementos da contorna. A alcaldesa, Inés Rey, presentoulles o mes pasado o proxecto ás entidades e federacións.
O Concello acaba de intensificar as súas actuacións sobre o conxunto de instalacións deportivas na cidade, tanto no mantemento das existentes como na ampliación da rede de equipamentos. Neste marco, o Goberno local puxo en marcha o desenvolvemento do Plan director de instalacións e equipamentos deportivos, cuxo obxectivo é darlles resposta aos déficits que poidan existir en equipamentos deportivos de titularidade municipal e planificar e programar de forma óptima as actuacións que se van levar a cabo.

14 de xuño de 2026

11 de xuño de 2026

11 de xuño de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible