Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

7 de febreiro de 2024

O Concello adxudica a segunda fase de expansión do servizo municipal BiciCoruña, que permitirá chegar a 85 estacións nos barrios

A iniciativa, cofinanciada con fondos Next Generation e que suporá un investimento de 2,5 millóns, tamén permitirá ampliar a frota de vehículos dispoñibles. O Concello adquirirá 300 novas bicicletas eléctricas

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta mañá a sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, na que se adxudicaron as dúas primeiras intervencións das 17 que recibiron financiación estatal a través da segunda convocatoria dos fondos Next Generation, na que o Concello acadou 9,1 millóns de euros.

A primeira destas intervencións correspóndese coa segunda fase de expansión de BiciCoruña, coa que o Goberno de Inés Rey prevé ampliar o número de estacións nos barrios a un total de 85. Actualmente, hai 49 bases operativas e outras tres en fase de instalación -dúas no campus de Elviña e outra no campus da Zapateira-. O obxectivo é que, xa na segunda fase, se activen outras 30: 20 de carga eléctrica (cun total de 450 ancoradoiros) e outras 10 que disporán de paneis mixtos de carga solar-eléctrica (cun total de 190 ancoradoiros). Todas elas serán compatibles cos sistemas TIC e o software incorporado ao servizo actual de BiciCoruña. Esta ampliación suporá un investimento específico de 1,4 millóns de euros.

O plan de melloras do servizo municipal BiciCoruña, dividido en catro lotes, inclúe tamén a incorporación de 300 novas bicicletas eléctricas, segundo explicou a alcaldesa. Tal e como se expuxo en setembro, ao licitarse este contrato, o Concello levará a cabo un investimento de máis dun millón de euros para ampliar a frota de vehículos de BiciCoruña. A ampliación levarase a cabo de forma progresiva, nun prazo de aproximadamente oito meses, para ir adecuando a dotación de vehículos ao número de estacións que xa están operativas e tamén ás que se vaian activando ao longo deste ano. "Isto vainos permitir osixenar aquelas bases nas que se detectan máis usos, e incrementar a dotación en outras nas que, en hora punta, hai unha afluencia moi marcada en picos específicos, como é o caso da base da estación do Ferrocarril", explicou Inés Rey.

Estes dous lotes adxudicáronse á UTE integrada por Serveo Servizos e PBSC Urban Solutions.

Unha nova furgoneta eléctrica para facilitar a repartición das bicicletas

O incremento do número de bicicletas dispoñibles no servizo tamén implicará melloras no referente á súa repartición. Por iso, o Concello adxudicou un terceiro lote a Automóviles y Recambios de Agrela para garantir o subministro dun novo vehículo eléctrico que servirá para ampliar a frota de furgonetas coas que o persoal de Mobilidade procede a diario á repartición e subministro de bicicletas nas estacións operativas. A isto sumarase un cuarto lote, que inclúe a posta en marcha dun centro de lavado para reforzar as tarefas de mantemento e limpeza da frota de bicicletas, tanto mecánicas como eléctricas. Este servizo adxudicouse á empresa Soluciones Técnicas de Ocio.

O custo conxunto destes dous contratos, dos lotes 3 e 4, é de algo máis de 90.000 euros.

"En total, o investimento previsto polo Concello para acometer esta segunda fase de expansión de BiciCoruña é de 2,5 millóns de euros. Seguimos, pois, apostando por facer da Coruña unha cidade orientada á mobilidade sostible", destacou a alcaldesa.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión