Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de xaneiro de 2024

O Concello amplía por cinco anos máis a concesión necesaria para o desenvolvemento da actividade do Quiosco Down Experience na praza de Ourense

O Goberno de Inés Rey resolveu dar continuidade á concesión demanial gratuíta que ostenta a asociación Down Coruña sobre parte do quiosco do IMCE, onde en 2021 se puxo en marcha un proxecto de inclusión laboral para persoas con capacidades diversas

O Goberno municipal aprobou hoxe a renovación da concesión demanial directa e gratuíta que habilita a Asociación Down Coruña ao uso dunha parte das instalacións do quiosco do IMCE na praza de Ourense, onde a entidade pilota, desde xuño do ano 2021, un proxecto de inclusión laboral para persoas con capacidades diversas.

"O Quiosco Down Experience é un motivo de orgullo para A Coruña e a cidadanía, porque favorece a plena integración social e laboral das e dos traballadores da instalación, e amosa ás claras o compromiso do Concello co terceiro sector. Fixémolo, ademais, recuperando un espazo municipal de alto valor patrimonial e que estaba infrautilizado ata entón. Seguiremos avanzando nesta liña de colaboración, porque é o camiño a seguir para acadar unha normalización real", expuxo esta mañá José Manuel Lage. 

O novo réxime concesional, que con respecto ao anterior varía no relativo aos prazos e posibilidade de prórroga, terá unha duración de cinco anos, susceptibles de ampliación por outros cinco -ano a ano-. A este respecto, cómpre subliñar que non se esixe canon concesional para a actividade que se executa no Quiosco Down Experience.

Balance de licenzas: 5 a 18 de xaneiro

Nos asuntos relativos á área de Urbanismo, hoxe tamén se fixo balance das licenzas resoltas no período entre os días 5 e 18 de xaneiro, con 149 expedientes notificados, dos que 18 foron licenzas urbanísticas e 74 foron obras en réxime de comunicado.

Neste sentido, cómpre destacar que case unha terceira parte das solicitudes de licenza que se autorizaron correspóndense a obras de reforma e reparación de fachadas e cubertas en inmobles localizados nos barrios da Pescaría-Orzán (rúas Orzán e Sol), Cidade Vella (rúa Porta de Aires) e a contorna do Campo da Leña (rúas Varela Silvari e Baltasar Pardal Vidal, e a praza de España).

Estudo de detalle para o Complexo Deportivo Agra I

Por outra banda, hoxe aprobouse inicialmente o estudo de detalle correspondente á ampliación do Complexo Deportivo Agra I, na Agra do Orzán. A proposta presentada ao Concello estima a creación dun novo volume edificatorio de unión entre o propio Complexo Deportivo da Agra I e o pavillón deportivo do IES Agra do Orzán, mantendo o paso existente entre as dúas edificacións, respectando a separación a lindeiros.

Ademais, tamén se formulou unha segunda proposta de ampliación, no propio Complexo: trataríase dun novo volume edificatorio que no primeiro andar ocuparía a terraza existente sobre a planta baixa.

Cómpre lembrar, tal e como se subliña no informe municipal emitido polo Departamento de Planeamento e do Servizo de Planeamento e Xestión do Solo, que para darse a aprobación definitiva do estudo de detalle a Xunta deberá completar previamente as emendas sinaladas no propio texto para axustarse a normativa.

Dito estudo estará sometido a trámite de información pública polo prazo dun mes.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión