Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

7 de marzo de 2024

O Concello aproba definitivamente o estudo de detalle para a construción do novo centro de día de Adaceco en Eirís

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu hoxe o Pleno municipal, no que se rubricou o paso definitivo para que a Asociación de Dano Cerebral da Coruña se instale nunha parcela municipal cedida á entidade por 75 anos

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu este xoves a sesión ordinaria do Pleno municipal, na que se aprobou, de forma definitiva e por unanimidade por parte da Corporación, o estudo de detalle que permitirá acometer a construción dun novo centro de día promovido pola Asociación de Dano Cerebral da Coruña (Adaceco) no barrio de Eirís.

Os primeiros pasos para concretar esta medida déronse no pasado mandato. Concretamente, en agosto de 2019, cando o Concello cedeulle á entidade, por un período de 75 anos, un terreo municipal localizado na parcela nº 45 do API R31 de Eirís. Xa a finais de outubro de 2023, a Xunta de Goberno Local deu a súa aprobación inicial ao estudo de detalle para construír o edificio que albergará o centro de día, documento que pasou deseguida a exposición pública -sen se rexistrar alegacións durante o período administrativo correspondente-, e que hoxe recibiu o visto bo definitivo do Pleno municipal.

O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, subliñou "o importante labor que desenvolve Adaceco na cidade", e recalcou "a urxente necesidade de espazos para que a entidade leve a cabo o seu traballo nas mellores condicións". A este respecto, Díaz Gallego incidiu no traballo conxunto que levaron a cabo nos últimos meses as Áreas municipais de Benestar Social e Urbanismo con Adaceco, que se concretou na aprobación definitiva do estudo de detalle rubricada esta mañá no Pleno.

"Esta era unha das principais prioridades do Goberno municipal. A cidade tiña unha débeda coas entidades que traballan pola saúde da cidadanía. Hoxe, damos un paso máis para ir saldándoa", indicou Díaz Gallego, quen recordou a falta de apoio económico por parte da Xunta para a execución do proxecto da entidade.

A edificación, que se construirá nunha parcela cunha superficie de case 2.000 metros cadrados, terá unha planta baixa e dúas alturas. "Traballaremos por impulsar a licencia á maior brevidade", incidiu o concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda.

Declaración institucional previa ao 8-M, Día Internacional da Muller

O Pleno municipal desta mañá comezou coa lectura de catro declaracións institucionais por parte da alcaldesa, que iniciou a súa intervención cun manifesto de concienciación de cara a este venres 8 de marzo, Día Internacional da Muller. "Reafirmamos o noso compromiso cos dereitos humanos de todas as mulleres e nenas, incluído o dereito á igualdade, a autonomía sobre os seus corpos e decisións, e a eliminación de todas as formas de violencia e discriminación baseadas no xénero, por iso comprometémonos a cumprir as medidas implementadas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero", enfatizou Inés Rey, que fixo un chamamento á acción "ás nosas comunidades para que se unan en solidariedade coas mulleres de todo o mundo e traballen xuntas para crear un futuro máis xusto e igualitario para todas as persoas, independentemente do seu xénero".

As declaracións institucionais continuaron cun pronunciamento polo Día Europeo en Lembranza das Vítimas do Terrorismo, en lembranza das persoas falecidas nos atentados do 11-M hai vinte anos. "Honramos a memoria dos que xa non están, renovamos a nosa responsabilidade de loitar, inquebrantablemente, contra o terrorismo en todas as súas formas e nosa firme determinación de continuar traballando xuntos para construír un futuro no que todas as persoas poidan vivir libres do medo e da intolerancia. Hoxe unímonos desde o respecto e a solidariedade a todas as vítimas do terrorismo en Europa e no mundo e lembramos a nosa vontade de traballar a favor da paz e da xustiza nas nosas vilas e cidades", expresou a alcaldesa.

Ademais, na rolda de manifestos que abriron o Pleno municipal fíxose unha declaración institucional polo Día Mundial das Enfermidades Raras, en apoio da Federación Española de Enfermedades Raras (FEDER) e a Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (FEGEREC). A alcaldesa fixo extensibles as demandas das dúas entidades, incidindo en que "é preciso impulsar a investigación, favorecendo que se comparta e se difunda o coñecemento xerado entre a comunidade investigadora e profesional e que se incremente o financiamento público en I+D+i, tamén implementar medidas que garantan o acceso en equidade a probas de diagnóstico, á atención integral necesaria e aos medicamentos, independentemente da Comunidade Autónoma onde un resida".

Por último, tamén se leu unha declaración institucional polo Día das Persoas Desaparecidas sen Causa Aparente. "As entidades locais integradas na Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) damos tamén o noso apoio á demanda do Estatuto da Persoa Desaparecida, para que se tramite sen máis demora como lei específica que dé resposta aos dereitos e demandas dos familiares e achegados que sofren a súa ausencia", expuxo a alcaldesa na lectura do manifesto.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión