Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

11 de abril de 2017

O Concello asina coa Deputación o convenio para financiar o percorrido accesible que conectará a rúa de Maestro Clavé con Alfonso Molina a través de Juan Flórez

O alcalde, Xulio Ferreiro, subscribiu este martes o acordo de colaboración, que conta cun orzamento total de 149.933 euros

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, asinou este martes co deputado Xosé Regueira Varela, responsable da Área de Cooperación cos Concellos da Deputación, o convenio de colaboración entre as administracións provincial e local para o financiamento do proxecto que permitirá contar cun percorrido accesible para o tránsito peonil entre as rúas Maestro Clavé e Alfonso Molina. A actuación, que desenvolve a Concellería de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, conta cun orzamento de 149.933 euros, dos que a Deputación achega un máximo do 80% e o Concello a porcentaxe restante, e servirá para mellorar a conectividade entre os barrios da Falperra e Catro Camiños facilitando o itinerario a pé a través da rúa Juan Flórez, Federico Tapia e José Cornide.

Tal e como expón o responsable municipal desta área, o concelleiro Xiao Varela, con esta intervención, o Goberno local busca "dar sentido ao proxecto desenvolvido polo anterior executivo ao final do pasado mandato na rúa Maestro Clavé, unha obra moi custosa e de dubidosa xustificación que non soluciona a accesibilidade para a contorna". Con ese obxectivo, contémplase a implantación dun paso peonil e a construción dunha escaleira e unha rampla que comuniquen as rúas Juan Flórez, Federico Tapia, que se atopan a distinto nivel, para dar continuidade ao itinerario peonil das escaleiras de Maestro Clavé, e ata José Cornide. Para iso executarase ademais un muro en paralelo ao que xa existe sobre a beirarrúa de Federico Tapia, que permitirá colocar na parte superior unha plataforma, desde a que partirán, dun lado, unhas escaleiras en dous tramos e, do outro, unha rampla, tamén en dous tramos. O proxecto inclúe tamén a ampliación da beirarrúa da rúa José Cornide -que conecta Federico Tapia con Alfonso Molina- e o cambio de ubicación dun paso peonil de Federico Tapia, ademais da creación dun segundo paso, para dar continuidade ao percorrido desde a nova rampla e a nova escaleira. A reforma supón ademais o estreitamento da calzada en Federico Tapia para gañar espazo de beirarrúa e mellorar a accesibilidade peonil, de xeito que dea cabida a un único carril con espazo para o paso dos autobuses, e pequenas melloras na contorna, como é o caso da beirarrúa do último treito da rúa Juan Flórez e os pasos peonís existentes na mesma zona.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión