4 de xullo de 2026
Sae a licitación, cun orzamento base de 100.000 euros, o desenvolvemento dunha iniciativa para achegar novas ferramentas e servizos de mentoría personalizados aos barrios, enfocándose en cuestións como a transformación dixital ou o incentivo do emprendemento
O Concello comezou o proceso de licitación dos servizos do programa de emprendemento local nos barrios da Sagrada Familia e dos Mallos, cun investimento de case 100.000 euros cofinanciados ao 60% cos fondos europeos FEDER no marco da Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (EDIL).
"O Goberno municipal ten unha folla de ruta moi clara e moi definida para o emprego dos fondos europeos. Unha estratexia que pon a cidadanía no centro e o foco na mellora da calidade de vida e as condicións económicas de todos os barrios. Programas coma estes son hoxe fundamentais para que o tecido dos pequenos comercios e das empresas locais poidan competir con todas as ferramentas nos mercados modernos. Garantir unha competencia xusta tamén é xustiza social", subliñou a alcaldesa, Inés Rey.
Esta iniciativa vén motivada polos obxectivos de desenvolvemento dun novo modelo produtivo e de benestar social que integre as oportunidades do ecosistema e as ferramentas dixitais, fortalecendo así o tecido da pequena empresa local nos diferentes barrios da cidade, impulsando o emprendemento e a innovación.
A empresa adxudicataria deberá garantir os medios técnicos e humanos para lles ofrecer ás persoas usuarias un servizo de formación e asesoría personalizada, manterá sempre nas actividades do programa unha perspectiva de inclusión social, igualdade e accesibilidade universal, e promoverá a dinamización económica de proximidade.
O servizo incluirá a planificación de talleres básicos para iniciar unha actividade económica, e sesións avanzadas para negocios xa existentes, adaptará o contido ás esixencias e particularidades da zona da cidade onde terá lugar o programa, e atenderá a materias clave como o márketing dixital, a fiscalidade, a xestión de redes ou a economía circular, entre outras.
As formacións, tanto presenciais como en liña, contarán cunha metodoloxía adaptada a diferentes niveis e circunstancias, con prestacións como orientación inicial sobre viabilidade de ideas de negocio, asesoramento para a elaboración de plans de empresa, apoio en trámites, normativa municipal e oportunidades de financiamento, titorías periódicas de seguimento ou mentorización e derivación coordinada a recursos especializados.
Case 9 millóns europeos para os barrios
A principios deste ano, a Unión Europea concedeulle á Coruña unha dotación de 8.730.304 euros de fondos europeos no marco do plan EDIL. No proceso de solicitude, a Dirección Xeral de Fondos Europeos valorou o proxecto de investimento proposto polo Concello como un dos mellores de España, segundo un sistema de puntuación no que a cidade obtivo 87,75 sobre 100, a nota máis alta da comunidade e cuarta de España.
A estratexia exposta polo Goberno municipal para utilizar estes fondos pon especial atención na modernización e mellora da Sagrada Familia e dos Mallos, por ser dous barrios que están a vivir un momento clave de transformación con proxectos como a nova Intermodal, que tamén implicou unha reestruturación das zonas próximas e accesos, como a nova conexión entre as avenidas de Arteixo e A Sardiñeira, e os proxectos de remodelación das avenidas da Sardiñeira e o Ferrocarril (esta última aínda en marcha).

2 de xullo de 2026

25 de xuño de 2026

13 de xuño de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible