1 de febreiro de 2026
Na noite do luns ao martes está previsto que se inicie a instalación do vano central da pasarela. Isto esixirá cortes de tráfico na avenida Alfonso Molina, entre Caballeros e a gasolineira. Habilitaranse desvíos alternativos
A inicios desta semana que vén, o Concello dará un paso máis no plan de traballos para habilitar a pasarela provisional entre estacións que permitirá manter o tránsito peonil sobre a avenida Alfonso Molina, unha medida impulsada co obxectivo de acometer, entre medias, a renovación da pasarela orixinal.
Neste sentido, tras completarse a construción das cimentacións da pasarela provisional a un lado e ao outro da avenida, e despois de efectuar a proba de carga da estrutura, o seguinte paso foi a colocación das dúas torres laterais da pasarela, que precede a colocación da estrutura central, xa sobre Alfonso Molina.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, informou de que a instalación deste vano central -a sección máis longa e complexa da pasarela- levarase a cabo na noite do luns 2 ao martes 3, sempre e cando as condicións meteorolóxicas sexan favorables para desenvolver as actuacións.
Dado que a colocación do vano esixe traballos cun guindastre de gran tonelaxe, a previsión dos servizos municipais é cortar ao tráfico Alfonso Molina no treito de Caballeros á gasolineira, durante a madrugada, precisamente no horario de menos tránsito de vehículos co obxectivo de minimizar as afeccións á circulación. As tarefas terán unha duración de entre catro e cinco horas e os cortes rematarán xa na madrugada, o que permitirá o restablecemento total do tráfico na avenida.
Se o vento impedise que os traballos se leven a cabo na noite do luns ao martes, a previsión é que se executen antes do venres, tamén en horario nocturno e sempre cun plantexamento idéntico: que as tarefas de instalación do vano se executen en só unhas horas e nunha única quenda de traballo.
O corte en si afectará a un pequeno sector da avenida, non ao seu conxunto. Ademais, haberá desvíos alternativos, en sentido de entrada e saída da cidade. As persoas que vaian en dirección saída poderán desviarse pola rúa Marqués de Figueroa e polo vial da gasolineira, para pasar despois pola rotonda da intermodal e, a continuación, incorporarse polo vial lindeiro ao hotel Avenida e volverán así a Alfonso Molina. No caso dos vehículos que cheguen en sentido de entrada á cidade, poderán desviarse polo vial que vai en dirección ás Paxariñas, tamén no posterior -que permite incorporarse á rolda de Outeiro dirección Alcalde Pérez Ardá- e tamén polo seguinte, o desvío da fonte da ponte da rolda de Outeiro que vai en sentido á intermodal.
"Esta fase de intervencións na pasarela é a máis importante porque supón a colocación do seu treito central, sen apoios intermedios. Somos conscientes das molestias que pode ocasionar en materia de circulación e por iso optamos por executar os traballos en quenda nocturna, para evitar incidencias nos horarios de máis tránsito", dixo Díaz.
Tras colocar o vano central, a previsión do Concello é iniciar unha nova fase de traballos dentro de semana e media, coa instalación das ramplas nos laterais da pasarela provisional, e entrar así na fase final previa á apertura da estrutura ao tránsito peonil.

17 de decembro de 2025

10 de decembro de 2025

14 de novembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible