12 de maio de 2015
A concelleira de Mobilidade asina un convenio con esta asociación para desenvolver campañas de información e actividades formativas e para organizar talleres de reparación de bicicletas que logo se doarán a entidades sen ánimo de lucro
A concelleira de Tráfico, Mobilidade e Uso e Utilización do Dominio Público, Begoña Freire, asinou un convenio de colaboración coa entidade Mobi-liza para desenvolver iniciativas que contribúan á promoción do uso da bicicleta como medio de transporte eficiente, saudable e ecolóxico.
O acordo alcanzado con Mobi-liza súmase ao asinado a semana pasada co Club Ciclista Riazor para impulsar tamén a utilización da bicicleta como alternativa viable e segura na cidade e para promover a concienciación e sensibilización da sociedade en materia de mobilidade sustentable. Coma no caso do Club Ciclista Riazor, a achega municipal ao convenio con Mobi-liza é de 6.000 euros.
O convenio recolle as principais accións que se desenvolverán ao longo deste ano coa colaboración de Mobi-liza para levar a cabo os obxectivos do acordo:
1. Actuacións formativas e informativas relacionadas coa educación á cidadanía no fomento da bicicleta como medio de transporte con múltiples vantaxes respecto doutros sistemas de desprazamento (eficiente, saudable, económico e ecolóxico, entre outras vantaxes).
2. Deseño, convocatoria e realización de módulos formativos dirixidos a particulares e a centros educativos, empresas, entidades administrativas, asociacións e todo tipo de colectivos que precisen dunha formación para unha mobilidade sustentable, entre os que destacan os módulos de coñecementos básicos da bicicleta e do ciclousuario, aprender a manexar a bici con seguridade e circulación en bicicleta pola rúa.
3. Participación naquelas actuacións que contribúan a establecer lazos de colaboración con entidades veciñais e asociacións comprometidas coa seguridade viaria e o transporte sustentable.
4. Apoio e desenvolvemento de accións formativo-lúdico-culturais (como exposicións, encontros, xornadas ou xogos) vinculadas a campañas de sensibilización e formación en seguridade viaria e mobilidade sustentable, e incluídas dentro dos actos da Semana Europea da Mobilidade 2015.
5. Realización de actividades de reparación e posta a punto de bicicletas para a súa posterior doazón a entidades sen ánimo de lucro, co obxectivo de promover o transporte sustentable e, desta maneira, fomentar o uso de medios de transporte cun menor índice de contaminación.
A sinatura deste convenio de colaboración supón avanzar nos compromisos adquiridos a través do Plan de Mobilidade Urbana Sustentable (PMUS) para fomentar o uso da bicicleta polas rúas da cidade como unha alternativa de transporte real. Neste sentido, o obxectivo é multiplicar por 12 os desprazamentos diarios e, en 10 anos, pasar dos 2.000 actuais aos 25.000.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible