Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

27 de abril de 2015

O Concello conmemora o Día Internacional contra a homofobia e a transfobia e anima os coruñeses a participar nas actividades

O concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, presentou as iniciativas que se realizarán durante o mes de maio e que inclúen proxección de películas, contacontos e charlas en centros educativos

O concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, presentou esta mañá a programación de actividades que o Concello deseñou con motivo do Día Internacional contra a homofobia e a transfobia que se conmemora cada 17 de maio e que na Coruña se celebrará coa organización dunha serie de iniciativas de carácter lúdico que se levarán a cabo no mes de maio.

As actividades enmárcanse no conxunto de accións do Programa LGTBI, 2015 que a Concellería de Servizos Sociais desenvolve e que se centran, fundamentalmente, no ámbito da prevención de actitudes discriminatorias e a garantía dos dereitos das persoas, con independencia da súa orientación afectiva e sexual.

"Coma sempre, o principal obxectivo é o de contribuír á prevención e erradicación de actitudes homófobas e discriminatorias cara ás persoas LGTBI, á vez que se sensibiliza a poboación, sobre todo os máis novos, a favor da diversidade, a igualdade e a convivencia de todas as persoas con independencia da súa orientación sexual", destacou Miguel Lorenzo.

Neste sentido, o concelleiro de Servizos Sociais subliñou a importancia da implicación das administracións públicas para erradicar este tipo de condutas discriminatorias e explicou o programa de actividades, todas gratuítas, que inclúe actividades en familia, proxección de películas ou charlas en centros educativos.

Actividades en familia

Contacontos O papaventos vermello, interpretado por Ramiro Neira da compañía Artestudio. Actividade dirixida a nenas e nenos de entre 4 e 10 anos acompañados dunha persoa adulta. Os interesados poden solicitar as invitacións nos centros cívicos nos que se realiza: centro cívico de San Diego, mércores 6 de maio, ás 18.00 horas; Os Rosales, mércores 13 de maio, ás 18.00 horas; e Monte Alto, venres 15 de maio, ás 17.30 horas.

Cinema en Labañou

No Centro Cívico municipal de Labañou proxectaranse tres películas que foron premiadas en distintos festivais. A entrada será libre e gratuíta ata completar a capacidade:

- Venres 15 de maio, ás 20.30 horas. Hoje eu quero voltar sozinho, de Daniel Ribeiro. Premio á Mellor Película outorgado pola Federación Internacional da Prensa Cinematográfica no Festival de Cinema de Berlín (Berlinale) no 2014.

- Sábado 16 de maio, ás 20.30 horas. Flores raras, de Bruno Bareto. Premio do Público no Festival LESGAICINEMAD (Festival de cinema lésbico, gai e transexual de Madrid).

- Domingo 17 de maio, ás 20.30 horas. Une nouvelle amie, de François Ozon. Premio Sebastiane, outorgado pola Asociación de gais, lesbianas, transexuais e bisexuais do País Vasco.

Talleres sobre diversidade afectiva e sexual

Ademais destas actividades do mes de maio, a concellería desenvolve un taller sobre diversidade afectiva e sexual nos institutos e colexios da cidade que así o solicitaron. "O obxectivo é o de previr condutas discriminatorias, ensinar a recoñecer estereotipos relacionados co xénero e a homosexualidade e proporcionarlle ao alumnado información sobre a diversidade afectivo-sexual", destacou o concelleiro, quen lembrou que o taller está dirixido ao alumnado de 3º e 4º de ESO: "Durante este curso estanse impartindo 56 talleres en 15 centros educativos da cidade; un incremento importante respecto dos 36 talleres en 12 centros do 2013/14".

O programa municipal LGTBI para o ano 2015 complétase cos actos que se levarán a cabo durante o mes de novembro e co funcionamento do Servizo Municipal de Información e Mediación LGTBI no Centro Cívico Municipal de Monte Alto (informacionymediacionlgtb@coruna.es). "Non se trata de accións puntuais senón de involucrar a toda a sociedade a través dun traballo durante todo o ano para informar, visibilizar e normalizar o colectivo", concluíu Miguel Lorenzo.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión