Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

31 de agosto de 2026

O Concello culmina a renovación de Santa Margarida reforzando o parque como gran pulmón verde e espazo de lecer da cidade

A actuación, cun investimento superior aos 740.000 euros, renova os camiños, zonas verdes e equipamentos e incorpora como novidade o Paseo das Ciencias, que recoñece a 16 mulleres científicas

A alcaldesa, Inés Rey, visitou esta mañá o parque de Santa Margarida tras as obras de mellora e rehabilitación do parque. Sinalou que a actuación permite "renovar un parque con case medio século de historia respectando a súa identidade e, ao mesmo tempo, adaptándoo ás novas formas de vivir e gozar dos espazos públicos". "Santa Margarida é un dos grandes pulmóns verdes e con esta actuación seguimos poñendo en valor un espazo que forma parte da memoria de varias xeracións de coruñeses e coruñesas", sinalou Inés Rey.

A renovación abrangue a mellora dos camiños e sendas, o reforzo do axardinamento e da masa arbórea, a renovación do mobiliario e dos merendeiros e a creación e mellora de equipamentos deportivos e infantís. En total, plantáronse 49 novas árbores -incluídos exemplares de ginkgos biloba, cerdeiras xaponesas, tileiros prateados e pradairos, coa incorporación dunha nova especie, inédita ata agora no parque: unha sequoia-. Un dos ámbitos nos que se actuou foi a contorna da Casa das Ciencias e o Paseo das Ciencias, onde se recuperaron case 200 metros cadrados de superficie verde anteriormente pavimentada e se melloraron o axardinamento e a integración dos percorridos.

En paralelo a esta mellora, o Concello incorpora ao Paseo das Ciencias unha nova iniciativa para visibilizar a contribución das mulleres á ciencia, mediante 15 placas dedicadas a 16 científicas. "A historia tende a opacar o papel na muller, sobre todo no eido científico, médico e tecnolóxico. Por iso queremos reivindicalas e que as nenas e nenos que paseen por Santa Margarida medren coñecendo tamén os nomes das mulleres que abriron camiño na ciencia", apuntou a alcaldesa.

As homenaxeadas son Isabel Zendal, Antonia Ferrín, Ángeles Alvariño, María Wonenburger, Manuela Antonia Barreiro, Celia Brañas, Ángeles Ruiz, Elisa e Jimena Fernández de la Vega, Eugenia Pereira, Olimpia Valencia, Ramona Vaamonde, María Inmaculada Paz, Olga Moreiras, Tarsy Carballas e María Teresa Miras.

A intervención actual dálle continuidade ás melloras executadas polo Goberno de Inés Rey nos últimos anos en Santa Margarida, entre elas a recuperación da contorna e restauración do muíño, a ampliación da área canina e a creación dun novo acceso desde San Mateo e a renovación da pasarela da avenida de Arteixo. "Estamos actuando sobre Santa Margarida cunha visión de conxunto e de continuidade. Un proceso de recuperación progresiva dun dos parques máis importantes da Coruña, a piques de cumplir medio século, mellorando os seus accesos, os seus equipamentos e as súas zonas verdes para garantir o seu futuro", concluíu Rey.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión