Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

29 de novembro de 2023

Disporanse máis de 93 millóns para acometer obras de mellora en todos os barrios da Coruña, con intervencións destacadas en Monte Alto e a Sagrada Familia

O Concello da Coruña aproba o seu maior orzamento: 375 millóns de euros para impulsar a economía, o benestar social e a calidade urbana

“Son unhas contas netamente progresistas, pensadas para ampliar o escudo social das coruñesas e coruñeses”, apuntou hoxe o voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage

O Concello da Coruña contará o vindeiro 1 de xaneiro cos orzamentos xerais máis elevados da corporación: 375 millóns de euros. Así o corroborou esta mañá o Pleno municipal, realizado en sesión extraordinaria para dar a aprobación inicial ao expediente de gastos e investimentos previstos en 2024.

O concelleiro da Área de Economía e Planificación Urbana, e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, describiu os Orzamentos 2024 como "unhas contas netamente progresistas e pensadas para ampliar o escudo social, mais tamén para fomentar a promoción da economía da cidade, o emprego, a cultura, o deporte e, en xeral, a calidade urbana da Coruña".

Os 375 millóns de orzamento, indicou Lage, elévanse a 405 millóns se se inclúen tamén os diversos organismos e empresas do Concello, como son Emalcsa, EMVSA e o IMCE.

Novo incremento para benestar social

Na sesión plenaria, Lage abundou nas novidades existentes nos Orzamentos 2024. Se no ano 2022 o Concello destinou a maior cifra aprobada nunca a actuacións de protección e promoción social -36,5 millóns de euros-, este ano ese investimento incrementarase a 41,4 millóns. Esta subida suporá, na práctica, máis recursos para o Servizo de Axuda a Domicilio -que con 1,5 millóns de euros máis superará os 10 millóns de investimento anuais-.

Ademais, tamén se eleva a partida correspondente á Rede de Escolas Infantís Municipais (REIM). "O Goberno de Inés Rey, que foi pioneiro na implantación da gratuidade deste servizo en Galicia, destinará en 2024 case un 9% máis de fondos que no presente exercicio", apuntou Lage.

Ao abeiro deste plan de incremento dos recursos nos servizo públicos da cidade, tamén está previsto aumentar os fondos asociados a programas municipais xa en funcionamento, como os de atención ás persoas maiores e as Bolsas Comedor.

As achegas do Concello ao tecido asociativo da Coruña

As contas previstas para o ano que vén tamén reflicten a contribución do Concello para coas entidades culturais, deportivas e sociais da cidade. En total, está previsto un investimento de máis de 9 millóns de euros para axudar a 275 asociacións no referente ao desenvolvemento das súas actividades.

Apoio ao tecido TIC e un plan de dinamización propio para o comercio local

Á progresiva apertura de instalacións e centros tecnolóxicos na Cidade das TIC sumarase proximamente a AESIA, "dúas iniciativas que xa están a ter un impacto directo na economía da cidade da Coruña", dixo Lage.

En paralelo a isto, o Concello ten previsto redactar o Plan estrátexico da Coruña 2025-2050, un plan con propostas a medio e longo prazo que "seguindo as directrices marcadas pola alcaldesa, Inés Rey, se centrará no impulso á nova economía, sen descoidar o noso comercio tradicional, que terá plans de dinamización propios".

93,5 millóns de euros para acometer obras nos barrios

Os Orzamentos 2024 inclúen 93,5 millóns de euros para acometer obras de mellora nos diversos barrios da Coruña -75 millóns incluídos no capítulo de investimentos reais e 18 correspondentes a transferencias, mais destinados a obras-.

O voceiro do Goberno municipal tamén fixo fincapé neste "esforzo investidor tan relevante", que inclúe unha partida específica de 26 millóns para o Plan de humanización e investimentos nos barrios, unha iniciativa que permitirá acometer a creación de novas áreas verdes como o parque do Vixía, en Monte Alto, o futuro parque de Monte Martelo, no Martinete, así como a posta en marcha da segunda fase de recuperación do parque de Santa Margarida, e, por outra banda, avanzar nas humanizacións e actuacións urbanísticas para ampliar a Rolda Peonil.

As melloras peonís previstas de cara ao ano que vén tamén inclúen, por exemplo, a humanización e reurbanización de enclaves como os Cantóns e a rúa de San Andrés.

A isto sumaranse, ademais, 17 intervencións que contan con 9,1 millóns de euros en fondos Next Generation, e que se levarán a cabo nos barrios dos Mallos - A Sardiñeira, Agra do Orzán, Monte Alto, O Castrillón, Elviña, o Barrio das Flores, A Falperra, Eirís, a contorna de Santa Margarida e o polígono de Agrela. Todas as actuacións foron licitadas no terceiro trimestre deste ano, polo que a súa execución se levará a cabo en 2024.

A maiores, tamén se inclúen partidas correspondentes á finalización das obras de remodelación do mercado municipal de Monte Alto -así como da súa praza e a EIM-, a última fase de rehabilitación da Casa Veeduría, na Cidade Vella, e a achega do Concello ás obras para rehabilitar o antigo mercado de Santa Lucía.

Achega municipal ás obras do Novo CHUAC e a Intermodal

Esta partida de 93,5 millóns tamén abrangue as achegas do Concello ás obras do Novo CHUAC. "Nas transferencias previstas para o 2024 figuran os fondos consignados para a vindeira anualidade do CHUAC, un hospital que tamén financia o Concello porque a Xunta non quixo afrontalo en solitario. E figuran, ademais, os fondos para a estación intermodal, para os que contamos coa axuda do Estado, mais, novamente, non da Xunta", expuxo José Manuel Lage.

Melloras nas infraestruturas deportivas municipais

Os Orzamentos 2024 tamén inclúen a creación dun novo Plan director de instalacións deportivas para a cidade, así como a construción dunha pista multideportiva en Xuxán, que complementará as novas infraestruturas deportivas xa executadas no barrio polo Goberno de Inés Rey, como a área de calistenia habilitada meses atrás.

Un novo Plan de mobilidade urbana

No expediente correspondente aos Orzamentos 2024 tamén se consignan fondos para a elaboración do novo Plan de mobilidade urbana, que suporá, en termos prácticos, a folla de ruta que abrirá camiño ás futuras fases de expansión do servizo municipal BiciCoruña. "Tamén á mellora do transporte público, coa nova licitación do servizo", engadiu Lage.

"Seguiremos a apostar por fomentar os desprazamentos a pé, e facilitaremos a mobilidade alí onde resulte máis complexa", dixo Lage, que puxo como exemplo as escaleiras mecánicas que se prevé instalar entre a avenida de Oza e a Mercé, que permitirá salvar o desnivel existente entre ambas as rúas.

Novo Mesoiro e Palavea: os barrios que contarán cunha nova biblioteca

O concelleiro da Área de Economía e Planificación Urbana tamén destacou hoxe o orzamento correspondente ás Bibliotecas Municipais, que se incrementa en máis de medio millón ata superar os 3,5.

O reforzo desta partida terá un impacto directo nas infraestruturas de todas as bibliotecas pertencentes á rede do Concello, onde haberá melloras sensibles. E tamén suporá a súa ampliación, "xa que haberá unha nova biblioteca en Novo Mesoiro, un novo servizo en Palavea e tamén se gañarán espazos na biblioteca da Sagrada Familia", dixo Lage.

Ademais, lembrou Lage, nos Orzamentos 2024 tamén se inclúen 2 millóns correspondentes ao plan de acondicionamento dos recintos culturais municipais.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión