Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

2 de xullo de 2022

As catro funcións programadas celebraranse durante o mes de xullo e a entrada será libre ata completar capacidade

O Concello e a compañía Noite Bohemia levan o teatro clásico a lugares icónicos da Coruña

O obxectivo deste ciclo é sacar o teatro dos escenarios habituais e achegalo á cidadanía, así como pór o foco en enclaves emblemáticos como as prazas de Azcárraga e a Colexiata, o Castro de Elviña ou o castelo de San Antón

O Concello da Coruña e a compañía de teatro Noite Bohemia, que dirixe Javier Fernández Mariño, levarán de novo o teatro clásico ás rúas da cidade coincidindo coa tempada de verán. O ciclo programado durante este mes de xullo -que se celebrará ata o día 25- permitirá que actores e actrices saian dos escenarios habituais para representar as súas obras en lugares emblemáticos polo seu valor arqueolóxico ou arquitectónico. O obxectivo é achegar o teatro clásico á cidadanía en enclaves icónicos para crear un ambiente distinto e levar a cultura a diferentes espazos.

A Cidade Vella coruñesa é a primeira das catro paradas deste festival teatral. Hoxe terá lugar na praza de Azcárraga, ás 21.00 horas, a representación da comedia en verso "El acero de Madrid" de Lope de Vega, unha obra do Século de Ouro español pola que a compañía acadou o primeiro premio do XXIII Certame de Teatro Escolar e Afeccionado da Deputación coruñesa. 

Unha semana despois, o sábado 9, será a quenda de "Las bacantes", do poeta grego Eurípides, unha traxedia áspera e agresiva que terá como escenario o Castro de Elviña, o simbólico espazo elixido para esta representación. A función, neste caso, comezará ás 22.00 horas para aproveitar a noite e poder iluminar ben tanto a escena como os restos arqueolóxicos da contorna.

O domingo 17, o ciclo trasladarase a outra localización destacada da Coruña, o castelo de San Antón, onde, a partir das 21.30 horas representarase "Las troyanas", outra traxedia, moi vencellada á actualidade, na que Eurípides amosa as terribles consecuencias que ten a guerra para a poboación civil. 

Lorca despide o festival

O ciclo organizado polo Concello da Coruña e Noite Bohemia rematará o luns 25, Día de Galicia e festivo, coa posta en escena de "La casa de Bernarda Alba", a obra que Federico García Lorca escribiu en 1936, pouco antes de morrer fusilado. É o buque insignia da súa triloxía, que completan "Bodas de sangre" e "Yerma". O enclave para representala será a praza da Colexiata, na Cidade Vella coruñesa, diante da Casa Cornide. A obra comezará ás 21.30 horas.

Todas as funcións serán de balde, con entrada libre ata completar capacidade.

Documentos:

programa-noite-bohemia.jpeg (366 KB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión