19 de abril de 2018
A empresa deberá ampliar as súas instalacións nesta parcela, entre as que se inclúe un almacén automático, nun prazo máximo de tres anos e manter a actividade durante polo menos unha década. O acordo inclúe o proxecto de execución e obra dunhas novas instalacións deportivas en Eirís
O Concello da Coruña e a empresa Hijos de Rivera formalizaron esta mañá a compraventa dun terreo situado na Grela e do que a compañía resultou adxudicataria en subasta pública, tal e como foi acordado en Xunta do Goberno local en decembro do pasado ano. O alcalde, Xulio Ferreiro, e o conselleiro delegado de Hijos de Rivera, Ignacio Rivera, asinaron esta mañá o contrato de compravenda do inmoble, propiedade do Concello da Coruña, polo importe estipulado na poxa que se acometeu durante o pasado ano, máis o IVE, 4.282.590,02 euros. O acordo inclúe que o Concello continúe a facer uso do campo de fútbol e as súas instalacións ata o 15 de xuño para poder manter sen incidencias o calendario deste deporte ata final de tempada.
O terreo subastado polo Concello dedicarase á consolidación e ampliación das instalacións de Hijos de Rivera na Grela, entre as que se incluirá un almacén automático. A actividade nesta nova edificación deberá estar en funcionamento como moito tres anos despois da notificación da adxudicación e manterse por un prazo mínimo de dez anos, seguindo se estipulou nos pregos da poxa efectuada pola administración local. Ademais, conlevará a contratación de 25 persoas nos centros de traballo da empresa dentro do termo municipal, tal e como estipulan as obrigas derivadas da adxudicación da parcela.
Xeración de emprego e reordenación das instalacións deportivas
Os pregos da poxa incluían tamén outras obrigas para a empresa adxudicataria, como asumir o custe do proxecto de execución e as obras de construción dun novo campo de fútbol municipal en Eirís, así como o prezo das expropiacións necesarias para que as instalacións deportivas acaden as dimensións regulamentarias. Esta obra conleva tamén unha mellora na vía de Eirís VL-10 e completar a urbanización do vial 9, situada fronte á parcela da Grela, na que se creará unha zona verde que minimice o impacto das novas instalacións industriais no parque de Vioño e a súa contorna.
O goberno local recorda que o proceso de adxudicación e venda destes terreos municipais non só redunda no beneficio empresarial da cidade, "pois se garante o mantemento dentro do termo municipal das instalacións dunha das súas primeiras compañías e se asegura a xeración de emprego", senón que tamén se facilita a reordenación e mellora das instalacións deportivas da cidade.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible