6 de xullo de 2025
Os traballos levaranse a cabo no treito comprendido entre as rúas Menéndez Pelayo e Nicaragua, onde se renovarán as tubaxes de augas residuais
Esta semana que vén arrincarán os traballos previstos polo Concello da Coruña co obxectivo de mellorar a rede de saneamento municipal ao seu paso pola rúa Juan Flórez, no barrio do Ensanche.
A intervención levarase a cabo no treito comprendido entre os cruzamentos coas rúas Ménendez Pelayo e Nicaragua, un percorrido de algo máis dun cento de metros no que se acometerá a substitución das antigas canalizacións de augas residuais, que serán substituídas por colectores novos aproveitando o contrato de mantemento e conservación que sufraga o Concello.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, apuntou que o Goberno de Inés Rey leva apostando, desde hai anos, por un plan progresivo para renovar as infraestruturas municipais, que se vai desenvolvendo distrito a distrito atendendo a factores como a antigüidade da rede e tamén a deterioración específica que se pode detectar nalgunhas canalizacións.
"O noso obxectivo é modernizar a rede de saneamento con materiais máis seguros e resistentes fronte ao paso do tempo e á erosión. Iso é o que explica que esteamos a cambiar as vellas tubaxes de gres por outras feitas a base de PVC, tamén máis anchas", razoou Díaz. Ademais, a concelleira lembrou que a folla de ruta que se está a seguir nestas semanas tamén inclúe actuacións no núcleo poboacional de Nostián, onde o Concello inviste máis de 230.000 euros en ampliar a rede de recollida de augas alí existente.
"As intervencións en Juan Flórez son outro paso máis no plan de traballo que temos establecido, que engloba traballos tamén en marcha na contorna da Sardiñeira e dos Mallos", precisou Díaz.
Obra de carácter urxente con afeccións ao tráfico
A obra que se acometerá ten carácter urxente ao detectarse a rotura dun colector que obriga a levar a cabo labores de reparación, substitución e mantemento. O seu inicio está previsto para o luns, 8 de xullo, e prolongarase previsiblemente ata o 14 de agosto.
Establécense dúas fases diferenciadas que terán impacto na circulación:
Durante a execución dos traballos habilitaranse sinalizacións específicas e itinerarios alternativos, tal e como se recolle no plan de sinalización aprobado pola área de Mobilidade.
16 de xullo de 2025
11 de xullo de 2025
5 de xullo de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible