Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

19 de maio de 2017

O Concello estima o recurso de dúas promotoras para construír en Náutica, “dentro da liña de traballo aberta para regularizar a situación do polígono e impulsar a súa urbanización”

A Xunta de Goberno local declara caducada outra licenza concedida en 2013 para a construción dun edificio no mesmo ámbito, aínda sen iniciar

A Xunta de Goberno local celebrada na mañá deste venres declarou a caducidade da licenza concedida en febreiro de 2013 á entidade mercantil 'Urbanizadora Herculina SL' para a execución das obras de construción dun edificio de 30 vivendas no polígono de Náutica, hoxe sen levantar, tras confirmar en sucesivas inspeccións que a empresa nin iniciou nin rematou as obras no prazo establecido. Na mesma sesión, este órgano acordou estimar o recurso de dúas promotoras do mesmo polígono urbanístico ao expediente de caducidade da licencia concedida no mesmo ano para construír neste ámbito. Neste caso, o Concello resolve que non procede declarar a caducidade da licenza concedida para execución dun edificio de 60 vivendas, baixos comerciais e tres plantas soto para garaxe, mentres que no caso da licenza da que se declara a caducidade, o informe que hoxe recibiu o visto bo recolle que a promotora non achegou "nin o proxecto de execución -necesario para comezar a obra- nin o Estudo de Seguridade e Saúde nin o Proxecto de Infraestrutura Común de Telecomunicacións no interior dos edificios, no prazo de dous meses establecido no acordo de concesión da licenza", e tampouco solicitou a prórroga da mesma. "Estes feitos poñen de manifesto o abandono total no proceso construtivo autorizado pola licenza concedida", indica o informe. Neste sentido, o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, apunta que, en caso de existir vontade de edificar por parte da promotora, esta "pode volver a solicitar a licenza, cun proxecto adaptado ao plan vixente", que é o PXOM do 2013.

Como pon de relevo o responsable municipal desta área, o Goberno local, cando o pasado mes de febreiro iniciou o expediente de caducidade das licenzas de Náutica, o que fixo foi "poñer os medios para poñer en orde o polígono e regularizar a súa situación administrativa e, ao tempo, darlle impulso a este ámbito, despois dunha década de paralización". Neste sentido, Varela sinala que o procedemento serviu a tres das catro promotoras con proxectos para os que se concedera licenza para demostrar que "tiñan toda a documentación en regra e que estaban obrando" e recalca que as obras nunca se detiveron por mor deste procedemento administrativo. "Como sempre dixen, o Concello ofrece a máxima colaboración e celeridade a todas aquelas empresas que se adaptan á normativa vixente e fan as cousas ben", incide  o concelleiro, quen destaca o "impulso" que vén de recibir o polígono de Náutica a través das obras de urbanización, "obras que servirán para mellorar a accesibilidade nesta zona e igualmente para conectala coa súa contorna e o barrio". Ao fío, Varela alude a outras melloras que o Concello desenvolverá nesta zona nos próximos meses, entre eles, a renovación da zona infantil da praza de Náutica.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión