Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

11 de marzo de 2015

O Concello fomentará o uso das novas tecnoloxías entre os veciños dentro do plan Europe Citizens para impulsar a participación cidadá na administración

O Executivo local e Ecos do Sur asinan un convenio de colaboración para conseguir unha comunicación máis activa e participativa entre a cidadanía e os seus órganos de goberno

O Concello participará, xunto con outros catro municipios europeos, no programa Europe Citizens, un proxecto financiando pola Unión Europea (UE) para facilitar a participación cidadá a través do coñecemento das novas tecnoloxías e no que A Coruña estará presente en virtude dun convenio de colaboración con Ecos do Sur, segundo anunciou esta mañá a responsable da Área de Participación Cidadá, Luisa Cid, nun acto ao que tamén asistiu o concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, e o director da ONG, Patxi Furtado.

O acordo permitirá ao tecido asociativo da cidade participar en foros e encontros de traballo onde expertos en smart city analizarán as características e necesidades das entidades co fin de establecer unha folla de ruta que permita facilitar a súa participación nas canles da administración. En Europe Citizens participan cinco municipios doutros tantos países (Italia, Portugal, Polonia, Bulgaria e España) que colaboran, en todos os casos, cunha ONG. Ademais da Coruña, o programa europeo conta coa presenza dos concellos de Reggio Calabria (Italia), Cuba (Portugal), Gniew (Polonia) e Sandanski (Bulgaria).

CORUÑA SMART CITY

Cid explicou que o Concello decidiu participar na iniciativa a petición de Ecos do Sur e tras comprobar que o proxecto respondía á propia estratexia deseñada polo Goberno local en materia de participación cidadá: "Buscamos desenvolver proxectos que lle faciliten á cidadá a súa presenza nas administracións, así que tiñamos que estar neste programa, porque para lograr unha maior implicación do cidadán do montón nos órganos de goberno é fundamental que coñeza todas as posibilidades, as novas ferramentas de comunicación".

A edil subliñou que as novas tecnoloxías da información e comunicación (Tics) cambiaron a relación entre a cidadanía e as administracións locais, facilitando a presenza veciñal e fixo fincapé nas múltiples posibilidades que neste aspecto ofrece Coruña Smart City. Neste sentido, explicou que, ao amparo de Europe Citizens, desenvolverase o proxecto DICSE (Dixital Cities for a Smart Europe), que aborda a participación cidadá nun contorno smart.

MEDIO CENTO DE ASOCIACIÓNS

No marco do proxecto, que se desenvolverá ata maio do 2016, A Coruña acollerá unha conferencia internacional -na que se prevé a asistencia de máis de 300 persoas- e sesións de traballo cunha ampla representación do tecido asociativo local. Nestes encontros, expertos en smart city de diferentes países intercambiarán experiencias e elaborarán un protocolo de boas prácticas para fomentar a participación activa a través das novas tecnoloxías e redactarán un memorándum. Para as actividades, cuxa xestión e organización correrá a cargo de Ecos do Sur, o Concello cederá espazos e ofrecerá a cobertura necesaria.

Neste aspecto, o concelleiro de Servizos Sociais mostrouse convencido de que case medio cento de entidades da cidade poderán mellorar a súa relación coas administración grazas á súa participación en Europe Citizens, "un foro no que ademais de analizar as súas necesidades tamén achegarán as súas experiencias", subliñou Miguel Lorenzo.

Pola súa banda, Luisa Cid lembrou que dende a Área de Participación Cidadá promóvese a modernización do tecido asociativo "non só a nivel colectivo, senón tamén individual", e avanzou a próxima convocatoria de talleres sobre o uso de novas tecnoloxías para lograr a alfabetización dixital básica daqueles grupos con máis dificultades de acceso ao uso da informática.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión