Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

11 de abril de 2024

O Concello homenaxeará a sete funcionarios da Policía Local coa medalla ao mérito policial, poñendo en valor o seu traballo diario ao servizo da cidadanía

A sesión comezou coa lectura dunha declaración institucional polo Día Mundial do Párkinson, en apoio do tecido asociativo e en reivindicación das políticas públicas en materia sociosanitaria

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu este xoves a sesión ordinaria do Pleno municipal, na que se aprobou distinguir a sete funcionarias e funcionarios do servizo de profesionais da Policía Local da Coruña, que serán homenaxeados coa medalla ao mérito policial.

A proposta, elevada pola Área de Seguridade Cidadá, suporá a concesión da medalla con distintivo vermello á oficial Lorena Ponte Saavedra e aos policías Abelardo Lijó Fernández e Pedro Campos Martínez. A concelleira de Atención Cidadá e Seguridade, Montse Paz destacou que é a primeira vez que se concede a medalla ao mérito policial con distintivo vermello, "que recoñece a actividade realizada polos funcionarios da Policía Local por exceder con carácter extraordinario do seu normal cumprimento profesional en beneficio da liberdade, seguridade e convivencia veciñal".

Tamén recibirán a medalla, con distintivo azul, o oficial Jaime Prego Vázquez, e os policías María Carmen Iglesias Rasser, José Manuel Arias López e Iván Meijide Míguez. Neste sentido, cómpre destacar que, ademais da medalla con distintivo vermello, a oficial Lorena Ponte Saavedra tamén foi proposta hoxe para recibir, a maiores, a medalla con distintivo azul, que se lles outorga aos profesionais do Corpo Policial que sobresaíron con notoriedade no cumprimento dos deberes do seu cargo.

Montse Paz agradeceu "o traballo e compromiso por e para a cidadanía das persoas distinguidas, así como de todas e cada unha das mulleres e dos homes que forman parte do Corpo da Policía Local da Coruña".

Ademais, pola súa traxectoria e méritos profesionais, o Pleno tamén aprobou felicitar e distinguir a Ramón Gómez Nieto (xefe superior de Policía en Galicia), Javier Rey Ozores (xefe da Fiscalía Provincial da Coruña), Fernando Javier Martínez Marty (xefe provincial da Policía na Coruña), Fernando Pedreira Lata (xefe da 611 Comandancia da Garda Civil na Coruña), Manuel Álvarez Justo (secretario do xeneral de zona da Garda Civil e xefe do Destacamento de Seguridade do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia), Cristina Vara Vázquez (xefa do departamento de Participación e Xuventude do Concello da Coruña), Jacobo José Enseñat Berea (xefe do departamento de Informática do Concello da Coruña) e Victoria Eugenia Hurtado Chaves (xefa da sección de Conservación da Edificación e Ruínas do Concello da Coruña).

Apoio ao tecido asociativo no Día Mundial do Párkinson

A Corporación municipal comezou a sesión plenaria deste xoves gardando nove minutos de silencio en lembranza das catro mulleres asasinadas por violencia de xénero no último mes, así como das tres nenas e dous nenos menores de idade vítimas de violencia vicaria no mesmo período.

Xa a continuación, tivo lugar a lectura dun manifesto co gallo do Día Mundial do Párkinson, unha data establecida pola Organización Mundial da Saúde (OMS) en 1997 e que, cada día 11 de abril, impulsa iniciativas a escala global para concienciar sobre a necesidade de apoiar a investigación científica na busca de solucións fronte a unha enfermidade neurodexenerativa que afecta a millóns de persoas en todo o mundo.

A alcaldesa, Inés Rey, foi a encargada de ler a declaración institucional de adhesión do Concello ao manifesto público promovido pola Asociación Párkinson Galicia-A Coruña e pola Federación Española de Párkinson, texto que recibiu o apoio da Corporación municipal "nunha chamada á acción en defensa dun enfoque máis humano, unha posta en valor das nosas habilidades persoais no manexo e abordaxe desta enfermidade".

Na lectura do manifesto tamén se reivindicou "a necesidade de que as políticas públicas garantan unha asistencia sociosanitaria de calidade para todas as persoas que conviven con esta enfermidade. É hora de apoiar verdadeiramente o movemento asociativo, dotándoo dos recursos necesarios para chegar a todas as persoas que o necesitan".

"Cremos que non podemos esquecer o valor esencial que teñen as conexións humanas. É imprescindible recoñecer que a intelixencia emocional é unha ferramenta poderosa para a mellora da calidade de vida das persoas con párkinson e as súas contornas de coidados. Necesitamos fortalecer os lazos emocionais que sosteñen as persoas que conviven con esta enfermidade", expresou a alcaldesa na lectura da declaración, na que tamén se puxo en valor o traballo das asociacións para o tratamento do párkinson, "que desempeñan un papel fundamental neste sentido. Non só como servizos sociais e terapéuticos, senón como espazos de acompañamento para que as persoas non sintan que a enfermidade as define".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión