Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

1 de xuño de 2026

O Concello inicia a reforma integral dos vestiarios da Cidade Deportiva da Torre para modernizar unha instalación clave para o deporte base

As obras da primeira fase permitirán renovar por completo a ala norte do edificio, mellorar a eficiencia enerxética e reforzar a accesibilidade das instalacións

O Concello iniciará este luns as obras da primeira fase da reforma integral dos vestiarios da Cidade Deportiva da Torre, unha actuación estratéxica destinada a modernizar unha das infraestruturas deportivas con maior actividade da cidade.

A intervención permitirá renovar unhas instalacións que, tras décadas de uso continuado, presentaban un importante desgaste tanto nos seus acabados como nos sistemas construtivos e instalacións técnicas. O obxectivo é ofrecer un servizo de maior calidade aos milleiros de deportistas, familias e clubs que utilizan semanalmente este complexo deportivo municipal.

Esta primeira fase desenvolverase na ala norte do edificio e inclúe a reforma integral dos espazos interiores, a renovación completa das instalacións e unha importante mellora da eficiencia enerxética. Entre as actuacións previstas destacan a substitución do sistema de produción de auga quente sanitaria por outro máis eficiente e sustentable, a incorporación de sistemas de climatización e ventilación, a execución dunha nova fachada ventilada para mellorar o illamento térmico e a renovación das redes de fontanaría, saneamento, electricidade e iluminación.

Ademais, reorganizaranse os espazos para adaptalos ás necesidades actuais de uso, incrementando a funcionalidade dos vestiarios, mellorando as dependencias destinadas á arbitraxe e creando novos espazos accesibles para persoas con mobilidade reducida.

"A Cidade Deportiva da Torre é unha instalación única en Galicia, cun nivel de actividade extraordinario que cada semana acolle centos de partidos e adestramentos e dá servizo a milleiros de deportistas, polo que a reforma dos seus vestiarios, unha demanda histórica dos clubs e das persoas usuarias, vai converterse por fin nunha realidade", sinalou Manuel Vázquez.

As obras permitirán tamén resolver diversas patoloxías derivadas do paso do tempo, como filtracións, fisuras e deficiencias en distintos elementos construtivos, contribuíndo así a prolongar a vida útil do edificio e a mellorar as condicións de uso da instalación.

Esta actuación constitúe o primeiro paso dun proxecto global que se desenvolverá en dúas fases e que culminará coa renovación completa do edificio de vestiarios da Cidade Deportiva da Torre.

Con esta actuación, o Concello reafirma o seu compromiso coa mellora das infraestruturas deportivas municipais e coa creación de espazos máis accesibles, eficientes, seguros e confortables para a práctica deportiva, dando continuidade ao plan de investimentos promovido polo Goberno de Inés Rey para renovar os equipamentos deportivos da cidade.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión