21 de xullo de 2026
A alcaldesa, Inés Rey, informou hoxe da posta en marcha das tarefas, que suporán un investimento de case medio millón de euros
O Concello iniciou xa o plan de melloras previsto nos campos municipais de fútbol de San Pedro de Visma, onde xa comezaron os traballos para renovar os tapetes de herba artificial das dúas superficies de xogo, unha iniciativa impulsada polo Goberno local co obxectivo de adecuar unha das instalacións deportivas ao aire libre con máis uso da cidade.
A alcaldesa informou hoxe da posta en marcha das obras, que comezan nesta tempada estival para aproveitar o descanso habitual das competicións oficiais. Actuarase sobre os dous campos: o norte -que ten unhas dimensións de 100x63 m-, e o sur -que conta cun terreo de xogo algo máis amplo, de 105x68 m-.
En total, e sumando a superficie de ambos os campos, o Concello renovará case 15.000 metros cadrados de céspede artificial, "unha intervención que é necesaria para facilitar o desenvolvemento da práctica deportiva e dar resposta ás necesidades dos clubs e entidades que fan uso das instalacións, tanto para adestrar como para competir", unha cuestión clave nunha cidade como A Coruña, caracterizada pola fortaleza do seu fútbol base e polo amplo número de entidades deportivas federadas.
Neste sentido, Rey explicou a importancia de renovar os tapetes dos campos de fútbol de San Pedro de Visma, "que xa ían amosando unha erosión progresiva, derivada do seu uso nos últimos anos". Por iso, o Concello substituirá o céspede artificial existente por un sistema de última xeración "para mellorar a experiencia de uso das e dos deportistas, pensando tamén en minimizar o risco de lesións". O novo firme cumprirá os requisitos esixidos pola certificación FIFA Quality Pro, o máximo estándar internacional para campos de fútbol de céspede artificial.
"Seguimos cumprindo o noso compromiso de renovar as instalacións deportivas municipais para que os clubs da cidade dispoñan de espazos modernos e seguros. En San Pedro de Visma adestran e compiten cada semana centos de nenas e nenos, polo que garantir que o fagan sobre un terreo de xogo en perfectas condicións é unha prioridade para o noso Goberno", expuxo Inés Rey.
O investimento desta actuación, adxudicada á empresa Mondo Ibérica, será de case medio millón de euros, e as obras están en marcha, coa maquinaria de obra xa sobre o terreo desde inicios desta semana.
Ademais de San Pedro de Visma, melloras na Torre e na Leyma
Esta mañá, Inés Rey fixo fincapé no compromiso do Goberno local para ir modernizando, paso a paso, os campos e instalacións deportivas de titularidade municipal, unha folla de ruta que se está a executar de forma progresiva e que, no último ano e medio, xa foi visible en recintos como a Cidade Deportiva da Torre - Arsenio Iglesias e o campo da Leyma.
No caso da Cidade Deportiva, o Concello renovou o céspede artificial do campo Torre 1, mentres que na Leyma fíxose o propio co tapete, dúas inversións moi importantes que se suman a outras melloras executadas en ambas as instalacións, tanto en materia de accesibilidade como de fontanaría e subministro de auga quente. Ademais, na Torre avanzan os traballos correspondentes á primeira fase de reforma dos vestiarios, que se está a executar na á norte do edificio.

21 de xullo de 2026

17 de xullo de 2026

7 de xullo de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible