3 de febreiro de 2016
A firma terá un prazo de dez días para facer as alegacións que estime oportunas. A Concellería de Xustiza Social garante que, á marxe da penalización á compañía, “o Goberno local defenderá os dereitos do seu cadro de persoal e esixirá que coide dos e das súas traballadoras”
O Goberno local vén de comunicar a Clece SA, empresa encargada do servizo municipal de axuda a domicilio (SAD) o inicio dun expediente de imposición de penalidades ante as deficiencias detectadas na xestión das súas obrigas. O Executivo, axustándose á legalidade vixente, outorga tamén á citada firma, con anterioride á imposición da sanción, un prazo de 10 días para que presente as alegacións que considere oportunas na defensa dos seus dereitos. O Concello, de acordo con un informe realizado pola área de Servizos Sociais, en base ás numerosas queixas recibidas por parte dos e das usuarias, determinou que a concursada está a incorrer en dúas infraccións leves e catro graves tipificadas no prego de cláusulas administrativas e no prego de prescricións técnicas do seu contrato. Segundo o estipulado nos pregos reguladores de contratación, estas traen aparelladas penalizacións.
A concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán, remítese a un informe xurídico do Concello que indica que “tanto nos pregos como no documento contractual firmado con esta empresa se contempla a imposición de penalizacións no caso do cumprimento defectuoso da prestación contratada”.
Con data 10 de xuño de 2015, antes da chegada do novo equipo de Goberno á María Pita, o Concello subscribiu con Clece SA o contrato para a xestión dunha parte do servizo municipal de axuda a domicilio polo sistema de concerto. En setembro do mesmo ano, e ante o coñecemento de incumprimentos contractuais, a concelleira Cameán “solicitou un informe do servizo competente onde se constatasen as incidencias detectadas”. Entre estas se contabilizaron a falta de instalación de axudas técnicas en domicilios, as queixas de usuarios e usuarios por falta de coordinación, incumprimento de prazos nas altas, número insuficiente de coordinadoras e rotación excesiva de auxiliares.
No mes de novembro, o Concello mantivo unha xuntanza coa empresa á que asistiron tanto representantes da mesma como, por parte do Goberno local, os e as titulares dos departamentos de Xustiza Social; Emprego e Economía Social, Facenda e Administración, así como a directora da Asesoría Xurídica municipal. “Nesta xuntanza trasladouse á empresa a vontade do Goberno local de controlar a debida execución dos contratos públicos, así como que a súa firma estaba a incumprir numerosas obrigas. Na reunión, esixiuselle á empresa unha reacción inmediata e un cambio radical en canto ao cumprimento das condicións do contrato, concedéndoselle un prazo de 15 días para levar a cabo as medidas correctoras precisas”, apunta Cameán. Transcorrido o prazo, e sen detectar que a compañía solucionou as incidencias producidas na xestión do servizo, “dende a Concellería de Xustiza Social estimouse a iniciación dun expediente de esixencia de responsabilidades”. “Estamos e estaremos permanentemente avaliando o servizo de atención ao fogar e esixindo sempre que funcione de forma axeitada”, insiste.
“As políticas sociais e as persoas máis vulnerables son a nosa prioridade, e non imos tolerar abusos e incumprimentos por parte de ningunha empresa. As persoas con dependencia deste Concello vannos atopar sempre ao seu lado, defendendo os seus dereitos, porque esta é a nosa obriga”, di a titular de Xustiza Social, que, non obstante, garante aos e ás traballadoras de Clece o apoio do Goberno local.
“Tamén é a nosa obriga defender ás traballadoras, e por iso reiteramos á esixencia de que recoñezan o convenio colectivo dos pregos, que aboen as horas extraordinarias ao prezo legal e que coiden do seu cadro de persoal”, indica. “Non se poden buscar beneficios a costa de recurtar salarios, dereitos e calidade, e moito menos nun servizo que coida das persoas. Non hai recortes posibles á vida”, engade.
Así, a concelleira destacou que “o Concello non se vai inhibir no que atinxe a situación dos e das empregadas desta empresa. A relación da compañía co seu cadro de persoal tamén está afectando á calidade do servizo”. “O que ten que ter claro a cidadanía é que tomaremos todas as medidas necesarias para garantir o correcto funcionamento dun servizo clave para a Concellería de Xustiza Social e Coidados”, rematou.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible