Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

26 de xullo de 2023

O Concello licita o servizo de xestión, coordinación e dinamización que reforzará a programación de actividades xuvenís nas naves do Metrosidero

O Goberno de Inés Rey prevé levar a cabo un investimento de 121.000 euros anuais para ampliar o abano de iniciativas destinadas ás persoas usuarias da instalación, ideada para mozas e mozos de entre 12 e 30 anos

A Xunta de Goberno Local do Concello da Coruña deu luz verde este mércores á licitación do servizo de xestión, coordinación e dinamización dos espazos destinados á mocidade nas naves do Metrosidero, unha instalación municipal aberta polo Goberno de Inés Rey a finais do mes de marzo deste ano, habilitado para mozas e mozos en idade de 12 a 30 anos.

Os datos contabilizados polo servizo municipal de Xuventude reflicten un incremento constante, en termos mensuais, no número de persoas usuarias do recinto. No que vai de xullo, 1.732 rapazas e rapaces fixeron uso das naves e o invernadoiro do Metrosidero, un número sensiblemente superior ao rexistrado en xuño, cun cento menos.

A este respecto, a maioría das persoas usuarias das instalacións do Metrosidero teñen entre 12 e 18 anos. Un total de 1.586 mozas e mozos adscritos a esta franxa de idade achegáronse ao espazo xuvenil no que vai de mes, ao igual que outros 146 no treito que vai dos 19 aos 30 anos.

Neste sentido, o Goberno municipal autorizou un investimento anual de 121.122,09 euros que, na súa meirande parte, permitirá reforzar a programación de actividades xuvenís no Metrosidero. O contrato en si será prorrogable anualmente por outros catro exercicios, ata o ano 2028.

Centro de baixa esixencia no barrio de Labañou

Ademais, hoxe aprobouse a adxudicación das obras correspondentes á primeira fase de reforma no local que acollerá o centro de baixa esixencia da Institución Benéfico Social Padre Rubinos. A empresa encargada de acometer os traballos, que contan cun prazo de execución de seis meses, será Prace Servizos e Obras.

Foi a mediados de maio deste ano, e tamén en Xunta de Goberno Local, cando se licitaron os traballos correspondentes á reforma da planta baixa e o semisoto no antigo albergue do Instituto Benéfico Social Padre Rubinos, situado na avenida de Labañou. Este proxecto ten a súa orixe no convenio subscrito en abril do ano 2021 entre o Concello e o Instituto Benéfico Social Padre Rubinos, acordo segundo o cal a Administración local asumiu, en forma de cesión, as instalacións do albergue -unha superficie de case 2.000 metros cadrados-, baixo o compromiso de construír unhas instalacións que cumpran os requisitos fixados para establecer un Centro de Atención Continuada, co obxectivo de dar servizo a persoas en risco de exclusión social.

Coa adxudicación das obras correspondentes á primeira fase, que abrangue unha intervención total do semisoto e en parte do andar baixo do inmoble, avánzase cara a construción dunha instalación coa que se conseguirá capacidade para 29 persoas usuarias. Os traballos, unha vez se poñan en marcha, contarán cun orzamento de 715.000 euros, e será cofinanciada nun 80% con fondos europeos FEDER.

Xa posteriormente, coas obras correspondentes á segunda fase, acadarase espazo para 16 persoas máis, ata chegar ás 45 previstas.

Luz verde ao proxecto anual de Servizos Sociais Comunitarios Municipais

Noutra orde de asuntos, na Xunta de Goberno Local que tivo lugar esta mañá aprobouse o proxecto anual de Servizos Sociais Comunitarios Municipais (PASSCM) do Concello, unha iniciativa que garante a prestación dos mesmos en continuidade, asegurando a estabilidade dos programas e prestacións dos servizos sociais ao longo do ano.

A contía total do PASSCM correspondente a este 2023 estímase en 30,4 millóns de euros, e abrangue as achegas municipais e das restantes Administracións públicas. A este respecto, na Xunta de Goberno Local tamén se autorizou solicitarlle á Consellería de Política Social e Xuventude a concesión das transferencias finalistas para o financiamiento de gastos correntes adscritos a programas como o de Axuda no Fogar (SAF), Prestación Básica e Dependencia, así como os de Comida a Domicilio, Teleasistencia Domiciliaria e Emerxencia Social Municipal, entre outros.

A contía solicitada é de 9,6 millóns de euros, xa incluída na táboa orzamentaria do proxecto anual de Servizos Sociais Comunitarios Municipais deste ano.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión