Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de decembro de 2022

A Orquestra Gaos ten programado o seu concerto de Nadal o xoves 22, no Teatro Colón, xunto con Abraham Cupeiro, para realizar un percorrido polas músicas ancestrais da cultura universal

O Concello ofrece música clásica, bandas sonoras e góspel para celebrar a semana de Nadal na Coruña

A Orquestra Sinfónica de Galicia ofrecerá o seu Concerto de Nadal este mércores 21, no Palacio da Ópera, con obras como ‘Hansel e Gretel’ e clásicos da música do cinema

As persoas amantes da música clásica e do Nadal poderán gozar de distintas propostas durante os próximos días na Coruña. A Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) e a Orquestra Gaos ofrecerán os seus respectivos concertos de Nadal; mais tamén chega á cidade o recital dos grandes clásicos do góspel. Para recibir o ano, xa en xaneiro, están programados os Concertos da Orquestra Infantil e o dos coros infantil e xove da Sinfónica.

O Concerto de Nadal da Orquestra Sinfónica de Galicia terá lugar este mércores, 21 de decembro (20.00 horas) no Palacio da Ópera, dirixido por Roberto González-Monjas. O repertorio iniciarase coa suite arranxada por González-Monjas, director de orquestra e violinista, a partir da ópera 'Hansel  e Gretel', de Engelbert Humperdinck. Completarase o programa con grandes clásicos da música do cinema compostos por un referente neste xénero, John Williams. En concreto, a orquestra interpretará fragmentos das bandas sonoras de 'Indiana Jones', 'Harry Potter' e 'E.T.'.

As entradas para o Concerto de Nadal da Orquestra Sinfónica de Galicia xa están á venda a través da páxina web de Ataquilla.

Este mércores 21, espectáculo de góspel no Teatro Colón

Tamén este mércores 21 (20.30 horas), no Teatro Colón, ofrecerase o espectáculo 'Amazing Grace. A gospel celebration to Aretha Franklin', que se ten convertido nunha cita imprescindible do Nadal no Colón, xa coas entradas esgotadas.

Trátase dunha produción de Grandes do Góspel protagonizada por The Black Heritage Choir, unha formación integrada por unha selección de cantantes do coral máis lexendario do góspel tradicional, The Mississippi Mass Choir. Cúmprense 50 anos da gravación de 'Amazing Grace', o disco máis vendido da raíña do soul, Aretha Franklin, e tamén da historia do góspel, que pasou á historia como un símbolo para a cultura afroamericana.

O Concerto de Nadal da Orquestra Gaos

Respecto do Concerto de Nadal da Orquestra Gaos, celebrarase o xoves 22, no Teatro Colón, a partir das 20.30 horas. Neste recital ofrecerase unha viaxe no tempo coa obra 'Pangea', que explora as sonoridades ancestrais da cultura universal da man do aclamado multiinstrumentista galego Abraham Cupeiro, acompañado pola Orquestra Gaos.

As entradas xa están á venda a través da páxina web de Ataquilla.

O Coro Infantil e o Coro Xove da OSG, na Igrexa de San Nicolás

A programación de concertos polas festas de Nadal terá continuidade o vindeiro mércores 28. Desde as 20.30 horas, e na Igrexa de San Nicolás, o Coro Infantil e o Coro Xove da Orquestra Sinfónica de Galicia interpretarán clásicos de Benjamin Britten, Morris Albert e Pedro Aizpurúa. A actuación terá lugar baixo a dirección do compositor Daniel G. Artés.

O Concerto de Reis da Orquestra Infantil da Sinfónica de Galicia

Xa para o mes de xaneiro, o día 4 (19.00 horas) está programado no Teatro Colón o Concerto de Reis da Orquestra Infantil da Sinfónica de Galicia, que ofrecerá un variado repertorio con música de Nadal e grandes clásicos.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión