Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

15 de maio de 2026

O Concello organiza en María Pita o vindeiro sábado o primeiro Torneo de Xadrez Escolar Pequenos Xigantes

A actividade está orientada para o alumnado de 6 a 12 anos, e pezas foron confeccionadas a partir de material reciclado de pneumáticos usados

O próximo sábado, 23 de maio, a praza de María Pita acollerá o primeiro Torneo de Xadrez Escolar Pequenos Xigantes, organizado polo Concello e a Fundación Recuperación Materiales Diversos (RMD). Toda a competición se levará a cabo con fichas de xadrez recicladas provenientes de pneumáticos fóra de uso -no mega xadrez haberá mais de 800 rodas recicladas-. 

A alcaldesa, Inés Rey, presentou hoxe a nova competición e destacou a confluencia entre o seu carácter educativo e a divulgación ás novas xeracións da importancia da reciclaxe e a sustentabilidade. "O obxectivo principal do torneo é mellorar, a través do xadrez, o desenvolvemento educativo e persoal das persoas participantes, en particular, e da comunidade educativa, en xeral. Tanto no ámbito da educación como no da formación e o deporte", subliñou. No acto, Rey estivo acompañada polo concelleiro de Educación, Formación e Transformación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego; pola presidenta da Federación Provincial de ANPAS de Centros Públicos da Coruña, Lidia Paz Lamela, e polo director responsable de Pequeños Xigantes, Nicolás González, que ademais  representou á Fundación de Recuperación de Materiales Diversos.  

Juan Ignacio Borrego tamén quiso ter unhas palabras de recoñecemento para as persoas que fixeron posible a celebración do torneo na cidade. "Este evento chegou á Coruña como un regalo. Imos de éxito en éxito. Primeiro asombramos á xente co Chorus e agora enchemos María Pita de xadreces xigantes para que os nenos desfruten xogando ao grande", apuntou. 

Esta iniciativa naceu en León no ano 2021, e xa pasou por outras cidades como Zamora, Segovia, Xixón, Valladolid, Ourense, Oviedo ou Santander. Os catro equipos finalistas do torneo que se desenvolverá na Coruña poderán participar na gran final nacional que se celebrará en León no mes de novembro, representando aos colexios da cidade. 

Rey tamén destacou o valor do xadrez como disciplina para o desenvolvemento da mocidade. "É unha actividade inmellorable para que practiquen os nenos e as nenas, xa que potencia as súas capacidades cognitivas e sociais. Do mesmo xeito, preténdese avanzar na conciencia medioambiental, a través do fomento das políticas de redución, reutilización e reciclaxe", engadiu. 

A actividade está destinada a escolares de primaria, de entre 6 e 12 anos. Comezará a partir das 9.15 horas, con partidas dende as 10.00 ata as 14.00 horas e cunha pausa para a comida ata as 16.00 h, momento no que se reiniciará o torneo, que concluirá ás 19.30 h.

No torneo participan 140 escolares da cidade da Coruña e das súas áreas de influencia. Están inscritos 31 equipos de 22 colexios.

O evento contou, en todo momento,  coa colaboración da Federación Provincial de ANPAS de Centros Públicos da Coruña, que organiza anualmente dentro das súas actividades extraescolares clases de xadrez e que difundiron e animaron ás e os escolares a participar no torneo. 

A Fundación Recuperación de Materiais Diversos forma parte da iniciativa social da empresa RMD, dedicada ao reciclaxe e á valorización de residuos. A entidade impulsa proxectos que integran deporte, cultura e sustentabilidade, co obxectivo de contribuír a unha sociedade máis inclusiva, consciente e comprometida co medio ambiente. Neste proxecto, a nivel local, conta con patrocinadores como Signus e Francisco Mata S.A.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión