28 de setembro de 2015
Existe unha infraestrutura infrautilizada, que é o ferrocarril, que pode conectarnos coa comarca para crear unha verdadeira área metropolitana, salientou o alcalde durante os Almorzos da Asociación da Prensa da Coruña
O obxectivo é que os concellos da comarca conformen unha institución que nos permita relacionarnos como o que somos, unha verdadeira cidade plurimunicipal, indicou Ferreiro en relación á integración da Coruña na mancomunidade
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, avanzou na mañá deste luns que o Concello xa está a estudar a reordenación da zona das Xubias para conectar a cidade cos concellos limítrofes a través do paseo que remata no Burgo e a ponte da Pasaxe e que, como indicou, “debería seguir até o centro da cidade, con vías de mobilidade en bicicleta e peonil”. “O Plan Especial que existe necesita dunha volta porque estaba pensado para unha época inmobiliaria diferente, cunhas necesidades construtivas bastante elevadas. Temos que pensar como ordenamos esa zona e niso está a traballar agora mesmo a Concellería de Rexeneración Urbana”, sinalou o rexedor durante a súa intervención nos Almorzos da Asociación da Prensa da Coruña.
A este respecto, Ferreiro aludiu tamén á posibilidade de conectar nun futuro a área metropolitana a través das Xubias, a praia de Oza e a ponte da Pasaxe, unha vez que o peirao de Petroleiros se traslade a Punta Langosteira, e apostou por darlle uso ás liñas do ferrocarril que discorren polos terreos, “unha infraestrutura infrautilizada que tamén podería servir para conectarnos coa comarca e para crear unha verdadeira área metropolitana”, indicou, un proxecto que xa lle trasladou á ministra de Fomento, “para ver se podemos ir avanzando”. “Parece algo sinxelo porque a infraestrutura está aí, as vías e incluso algúns dos apeadeiros. Hai que ver como desenvolvemos esa zona das Xubias e ver tamén quen asume a xestión dese ferrocarril, xa que aí entran varias administracións en xogo”, comentou.
Durante os Almorzos, o alcalde volveu deixar clara a súa postura sobre a relación que debe ter a cidade da Coruña cos concellos limítrofes. “Eu nunca dixen que para A Coruña non é prioritario entrar na mancomunidade, e sigo dicindo o mesmo que o primeiro día: que é prioritario ter unha relación estreita cos concellos da área metropolitana e que A Coruña debe buscar a fórmula para integrarse na mancomunidade antes ou despois”, salientou Ferreiro, e subliñou que o obxectivo fundamental, e compartido, é que os concellos da comarca conformen “unha institución que nos permita relacionarnos como o que somos, como unha verdadeira cidade plurimunicipal, máis alá dos límites actuais”. “Para a xente non hai moita diferencia entre vivir en Culleredo e vir traballar á Coruña ou viceversa”, exemplificou, para citar problemas comúns como os de mobilidade, “un dos puntos esenciais da relación entre os concellos”, ou o da ría do Burgo, “onde os concellos da comarca están avanzando xuntos”. “Debería haber un foro formal para abordar estas cuestións e ese foro ten que ser a mancomunidade”, deixou patente.
Neste sentido, Ferreiro valorou que a urxencia en conformar a mancomunidade das Mariñas para substituír ao Consorcio non debe afectar á elección dos mecanismos para integrar á Coruña nese organismo e decidir “como un instrumento institucional pensado para concellos que teñen máis ou menos o mesmo tamaño e poboación debe reformarse para acoller a un concello que suma máis poboación e máis actividade económica que todos eles xuntos, e polo tanto suma máis deberes de financiamento da mancomunidade pero debería sumar tamén máis dereitos de decisión”. “Todo é o suficientemente complexo como para deixarnos levar polas urxencias”, considerou.
A intervención do alcalde nos Almorzos da Asociación da Prensa serviu tamén para abordar outros proxectos do Goberno local para a cidade, como o futuro dos accesos, caso da avenida da Vedra, en cuxo deseño o alcalde apostou por pensar “a medio ou longo prazo”. “Vai ser unha decisión para 40 ou para 50 anos”, indicou, e engadiu: “Temos que reflexionar xuntos como queremos que sexa a avenida da Vedra do futuro; se recoñecemos o que realmente é, unha avenida de entrada, pero que tamén unha avenida máis que conecta barrios, e se queremos deseñala de acordo con esa realidade, que é a existencia de vivendas e veciños e veciñas nas beiras que teñen dereito a gozar tamén na súa porta de casa dun lugar cómodo de paseo e comunicación”.
Do mesmo xeito, o rexedor abordou o futuro dos peiraos de Calvo Sotelo e Batería, que quedarán libres de uso portuario unha vez que o Porto Exterior estea a pleno rendemento, como un dos retos do Goberno municipal. “Temos que reflexionar sobre como vai impactar no comercio da cidade se finalmente se levase a cabo o convenio de 2004 entre o Concello e Fomento. Que impacto sufrirá o comercio da zona Obelisco e da zona centro se temos aí grandes superficies comerciais”, destacou Ferreiro, quen chamou tamén á reflexións sobre a evolución e o estado dos centros comerciais existentes, tanto na periferia como no centro da cidade. “Temos que decidir se seguimos insistindo neste modelo ou temos que pensar nuns usos diferentes para estes terreos”, avaliou.
Por outra banda, o alcalde falou durante o encontro da relación do Goberno local co PSOE, da que recoñeceu que “podería ser mellor” e que vinculou ao período electoral. “Nós tomamos as decisións pensando no Goberno da Coruña e nas necesidades das veciñas e veciños; para outros, esas preocupacións que supoño que son comúns se misturan con cuestións tácticas sobre como se relacionan cos outros grupos de cara a manter un espazo electoral ou non. Iso complica a relación, como tamén a complica a necesidade de asumir os papeis nos que cada un estamos”, analizou. “Se as decisións, acordos e negociacións que teñamos co PSOE se basean en propostas programáticas e no interese da cidade non deberíamos ter problemas. Se traballamos niso, penso que a relación se pode reconstruír e agardo que se reconstrúa”, engadiu.
Preguntado polas comisións informativas da corporación municipal, Ferreiro anunciou que todas elas están convocadas para esta semana, e cuestionado polo futuro de Smart City, avanzou que o Goberno local está traballando para seguir desenvolvendo o proxecto para usar a infraestrutura existente e “dotala de contidos que sexan útiles para a cidadanía. Que vaian máis alá do anecdótico e poidan servir de motor de participación cidadá”.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible