11 de agosto de 2026
Activarase un dispositivo especial de mobilidade e reforzarase a limpeza coa instalación de contedores e baños químicos
A Coruña vive a súa particular conta atrás de cara a un dos grandes eventos deste ano na cidade: a eclipse solar que terá lugar este mércores 12 de agosto e que atravesará o noroeste da Península Ibérica, traxectoria que fai da urbe herculina unha das mellor posicionadas no continente europeo para asistir a este fenómeno astronómico único.
A alcaldesa, Inés Rey, informou hoxe sobre os últimos detalles do dispositivo especial previsto polo Concello, integrado por case 400 persoas entre persoal de seguridade e emerxencias (Policía, Bombeiros, Protección Civil e técnicos sanitarios) e tamén o correspondente aos servizos de limpeza e contedores, que se reforzará mañá no conxunto da cidade e moi especificamente nos puntos de observación da eclipse.
Neste sentido, aos contedores xa habilitados na rúa sumaranse outros 155 distribuídos estratexicamente polo termo municipal, entre os máis de 40 enclaves a pé de rúa identificados polos servizos municipais para visualizar a eclipse. Entre eles, O Portiño e o paseo marítimo de Riazor, onde está prevista máis afluencia, mais tamén en partes da cidade como o parque de Santa Margarida e a praza de María Pita, onde mañá actuarán Rosana e a orquestra Los Satélites.
Estes 155 contedores que se incorporarán aos xa dispostos na rúa teñen unha capacidade de 85.000 litros e unha terceira parte deles (case 60) corresponden á fracción resto, que é onde se deben depositar as lentes especiais para observar a eclipse se non se pode separar o filtro da montura.
Rey fixo fincapé neste aspecto ante os medios de comunicación. "Non é necesario desbotar as lentes especiais para visualizar a eclipse, porque poden ser reutilizables e susceptibles de uso nos eventos astronómicos dos próximos anos. Mais, en todo caso, as persoas que as refuguen deberán depositalas no contedor da fracción resto. Ao igual que no San Xoán, temos unha oportunidade para amosar o civismo e compromiso xeral da cidadanía co coidado do medio ambiente e coa limpeza das nosas rúas".
Máis aseos químicos
Ao longo da xornada, os servizos municipais farán un seguimento específico dos niveis de acumulación de residuos, e adoptarán as medidas oportunas para evitar desbordamentos. E a isto, sumaranse máis medidas como a disposición de máis aseos químicos públicos. A previsión do Concello é facelo en puntos como o monte de San Pedro e barrios como Novo Mesoiro, entre outros.
O posto de mando para o seguimento da xornada, na Coiraza do Orzán
O seguimento da xornada, a situación en directo da mobilidade, do tráfico na cidade e das posibles incidencias que xurdan levaranse a cabo desde o posto de mando centralizado que se habilitará a primeira hora do mércores na Coiraza do Orzán.
A franxa clave do día será entre as 19.00 e as 21.00 horas, pola coincidencia da fase de totalidade da eclipse coa proximidade do partido entre o Deportivo e o Real Madrid no estadio municipal de Riazor, co gallo do Trofeo Teresa Herrera. Agárdase moito movemento na contorna das praias e o paseo. "Temos a disposición os drons da Policía Local por se fose necesario sobrevoar puntos como este, con máis afluencia", indicou hoxe a alcaldesa.
Cómpre lembrar que, en termos de prevención, tamén se habilitará na Coiraza un punto violeta, un espazo seguro para denunciar calquera situación de violencia sexual que se poida producir durante a xornada.
Ademais, tamén será a carón da Coiraza onde se habilitará o espazo PMR formulado para que persoas con mobilidade reducida poidan observar a eclipse con todas as garantías de accesibilidade e seguridade.
Durante o día de hoxe e tamén o mércores repartiranse polo paseo marítimo folletos informativos coas principais recomendacións de seguridade e mobilidade.
Dispositivo de transporte público e cortes de tráfico
Como xa se informou semanas atrás, ao longo da xornada porase en marcha un dispositivo de reforzo no servizo de transporte urbano, que incluirá unha liña especial de autobuses lanzadeira que conectarán os campus da Zapateira e de Elviña -onde haberá aparcadoiros disuasorios para estacionar os vehículos- coa praza de Pontevedra.
O obxectivo desta medida, na que o Concello conta coa colaboración da UDC, é facilitar o estacionamento nos accesos da cidade e o uso posterior do transporte público para evitar, na medida do posible, desprazamentos innecesarios e atoamentos de tráfico. Neste sentido, tamén se disporá sinalización preventiva nos paneis dixitais existentes nas vías de alta capacidade, para informar dos cortes de tráfico que haberá pola tarde no paseo marítimo e tamén dos desvíos previstos.
Cómpre lembrar, ademais, que a liña 3-A do servizo de autobús urbano conectará a parada de Porta Real cos accesos ao Monte de San Pedro e o Portiño aumentando a súa frecuencia de paso, cada 15 minutos.
A este respecto, a alcaldesa apuntou a tres aspectos clave de cara á xornada de mañá: "O primeiro, planificar os desprazamentos con antelación e, na medida do posible, facelo a pé. E, por outra banda, lembrar que temos moi preto de nós moitos puntos de observación nos barrios da cidade. A eclipse tamén pode ser unha grande ocasión para vivir un evento único en comunidade, coa nosa veciñanza e moi preto dos nosos fogares, coa nosa xente".
Os máis de 40 puntos de observación definidos polos servizos municipais pódense consultar no mapa interactivo habilitado polo Concello na súa páxina web.
Peche de instalacións municipais
Tamén este mércores está previsto adiantar o peche de instalacións municipais como os Museos Científicos Coruñeses (ás 18.00 horas). E ademais, co obxectivo de evitar desprazamentos nunha xornada na que está previsto que haxa moito movemento nas rúas, suspenderanse actividades deportivas como Coruña en Forma e pecharanse tanto os campos da Cidade Deportiva da Torre como o campo de golf, en horario de tarde.
Rosana e Los Satélites, principales reclamos culturais da xornada
A artista Rosana protagonizará no parque de Santa Margarida a experiencia "Vamos a Star bajo el anillo", un encontro impulsado polo Concello da Coruña para vivir a eclipse total de Sol dun xeito diferente, combinando música, divulgación científica, humor e participación cidadá. A actividade desenvolverase entre as 18.00 e as 20.00 horas, con entrada de balde ata completar capacidade
A cantante será a anfitrioa e fío condutor dunha proposta na que tamén participarán o humorista David Amor, o investigador en astrofísica computacional Xabier Pérez Couto e a Familia Torres de Pascual. O formato incluirá conversas, intervencións divulgativas, momentos de humor e conexións con outros lugares e persoas que estarán seguindo o fenómeno astronómico.
A dimensión científica terá un papel destacado grazas á participación de Xabier Pérez Couto, que explicará ao público que acontece durante unha eclipse e por que é un acontecemento tan singular. Ademais, o divulgador científico Javier Santaolalla intervirá mediante conexión remota para sumarse á conversa sobre o universo e a observación do ceo. A experiencia culminará cun concerto acústico de Rosana, que compartirá algunhas das súas cancións nun formato íntimo e próximo ao público. A iniciativa busca converter a eclipse nun acontecemento colectivo para descubrir, emocionarse, cantar e mirar ao ceo en compañía.
Música de orquestra en María Pita
Por outra banda, en María Pita terá lugar ás 22.00 horas unha actuación moi especial de Los Satélites e Paco Lodeiro. Será unha actuación cun forte carácter simbólico e un tributo á tradición musical coruñesa e galega que representan Los Satélites. Será unha homenaxe a outra das figuras fundamentais da formación: o lendario cantante coruñés Pucho Boedo, que falecía hai 40 anos.
Los Satélites é na actualidade a única orquestra do Estado que conserva corpo de metais na súa formación. O repertorio de mañá estará moi ligado á verbena galega e a súa tradición, ademais de incluír as mellores cancións interpretadas por Pucho Boedo, ao que poñerán voz cantantes masculinos e femininas da formación e invitados como Paco Lodeiro.
Inicio do XXXIX Festival Internacional de Folclore Cidade da Coruña
Por outra banda, o Festival Internacional de Folclore arrancará o mesmo mércores ás 18.00 horas no Campo da Leña coa participación da Asociación de Coros e Danzas Eidos (A Coruña), Ngwao Letshwao Performing Arts (Botsuana), Pasacat Philippine Performing Arts Company (Filipinas), Traditional Dance Ensemble "Hachn" (Armenia) e Identidad Perú Taller de Danza (Perú). A gala inaugural permitirá ao público descubrir as distintas tradicións culturais representadas nesta edición do festival. A programación continuará ata o domingo, con actuacións repartidas entre o Campo da Leña e María Píta, contando tamén con desfiles e intervención en outros puntos do centro da cidade.
Tamén che pode interesar
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible