Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

6 de marzo de 2024

O Concello pon en marcha o primeiro Plan Municipal de Saúde Mental, con medio cento de medidas a executar desde este ano e ata o 2028

Entre as iniciativas previstas a curto, medio e longo prazo destacan o impulso á inserción laboral das persoas con problemas de saúde mental e o fortalecemento dos recursos habitacionais para persoas sen fogar

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu hoxe a sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, na que se deu luz verde á posta en marcha do primeiro Plan Municipal de Saúde Mental, unha das principais apostas do Goberno municipal de cara a este mandato, que incide especialmente na prevención e inclúe máis de medio cento de medidas en materia de benestar social que se implementarán nun prazo de cinco anos: entre o vixente exercicio e o 2028.

O tratamento da saúde mental das persoas como un asunto de saúde pública levouse a debate hai case vinte anos, cando a Declaración de Helsinki daquel ano recoñeceu a importancia de abordar esta cuestión. "Foi un primeiro paso para poñer sobre a mesa unha cuestión que, ata non hai moito, case que era un tabú. Por sorte, xa non é así, e quizais a pandemia da Covid-19 fíxonos valorar a necesidade de incidir na atención a persoas que padecen realidades que estaban e seguen estando aí, como a ansiedade e os trastornos depresivos ou neurolóxicos", lembrou esta mañá Inés Rey.

Neste sentido, a elaboración do Plan Municipal de Saúde Mental 2024-2028 comezou cunha serie de entrevistas a coruñesas e coruñeses que achegaron a súa experiencia específica con problemas de saúde mental que están a vivir ou xa superaron previamente. "Falamos de perfís heteroxéneos, que nos axudaron á hora de afondar nas causas e orixe dos problemas en si, ben por enfermedades de causa xenética ou por cuestións de tipo social. Isto fíxose coa finalidade de concretar que aspectos son susceptibles de mellora para acadar un benestar social e unha inclusión real", apuntou a rexedora. Entre as persoas participantes houbo vítimas de violencia de xénero ou intrafamiliar, que viviron ou viven situacións de precariedade económica, que tiveron ou teñen adicción a substancias ou que sufriron acoso escolar, así como persoas afectadas por enfermidades de tipoloxía dexenerativa, entre outras.

O Plan pivota sobre catro liñas estratéxicas e medio cento de medidas a aplicar

Inés Rey expuxo esta mañá as catro liñas estratéxicas sobre as que se basea o Plan Municipal de Saúde Mental, cunha folla de ruta "que pasa, en primeiro lugar, por promover o benestar emocional da poboación e previr a aparición de trastornos mentais a través da promoción da saúde; en segundo lugar, por facilitar o acceso aos recursos para asegurar unha atención integral ás necesidades das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias; en terceiro lugar, fomentar a capacitación profesional destas personas e, por último, integrar a promoción da saúde mental no conxunto da actividade municipal".

A través desta estrutura matriz, vertebráronse máis de medio cento de medidas específicas: algunhas, xa en curso, e outras que se desenvolverán a curto, medio e longo prazo, que implican a servizos municipais como Benestar Social, Educación, Mocidade, Cultura, Emprego e Seguridade Cidadá.

Entre estas medidas, destacan algunhas que xa están en marcha, como o reforzo da programación de actividades de ocio alternativo para a mocidade, ou a continuidade á reserva social nas ofertas de emprego público do Concello para contratar persoas con diversidade funcional ou en risco de exclusión social.

A curto prazo, por exemplo, o Goberno de Inés Rey ten previsto reforzar a oferta de actividades orientadas á educación emocional e resolución de conflitos. "Tamén imos fomentar o acceso efectivo das persoas en situación de precariedade á oferta de actividades deportivas na cidade, con prezos reducidos ou bonificados. Ademais, imos promover a creación dun grupo de apoio mutuo entre familiares de persoas con problemas de saúde mental. E, en paralelo, un novo grupo de traballo permanente integrado por persoal dos servizos sociais municipais, profesionais dos eidos sanitarios e sociosanitarios e educativo, para articular respostas integrais e coordinadas", expuxo.

A medio prazo, o Concello sopesa fortalecer os recursos habitacionais da cidade para persoas sen fogar, co impulso de vivendas de transición. Tamén se porá en marcha un programa para favorecer a inserción laboral das persoas con problemas de saúde mental e, en paralelo, nos dispositivos municipais iranse incorporando máis perfís relacionados coa atención á saúde mental.

Xa a longo prazo, e como iniciativa a subliñar, o Concello promocionará a creación de vivendas de apoio, seguimento e titorización para a vida autónoma das persoas con trastornos mentais, en colaboración con entidades especializadas e a Administración sanitaria e sempre tendo en conta que a saúde mental é un problema sanitario e que as competencias en materia sanitaria corresponden á Xunta de Galicia. 

Unha comisión de seguimento avaliará ano a ano o estado de execución do Plan

A execución do Plan estará avaliada por unha comisión integrada por representantes municipais, do tecido asociativo da cidade e da Administración sanitaria galega. Esta comisión, que se reunirá unha vez ao ano -no primeiro semestre- velará polo cumprimento das directrices establecidas e tamén estará atenta ás novas demandas que poidan surxir polo camiño. A este respecto, estipulouse unha avaliación específica no período intermedio do Plan, no ano 2026, co obxectivo de analizar ou reorientar as medidas ou iniciativas no caso de que fose preciso.

Na súa intervención, a alcaldesa agradeceu o traballo "executado polo equipo de profesionais da Área de Benestar Social dirixido pola concelleira Yoya Neira, porque a redacción e próxima posta en marcha deste Plan foi froito dun intenso día a día en colaboración conxunta con expertos do Sergas, o CHUAC, a UDC, centros de saúde da cidade, o tecido asociativo e as persoas que integran o Consello Local de Saúde e tamén centros educativos da Coruña".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión