28 de maio de 2026
Do 4 ao 18 de xuño programáronse máis de 20 actividades gratuítas e para todos os públicos destinadas a celebrar a influencia do océano nas artes
A concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, presentou esta mañá o programa do XIII Festival Mar de Mares, organizado pola asociación Redes de Sal co respaldo do Concello e cuxo lema deste ano é "Cultura que nace do océano".
Do 4 ao 18 de xullo, as persoas asistentes ao festival poderán gozar de máis de 20 actividades gratuítas entre as que destacan unha exposición fotográfica de Xurxo Lobato, un encontro coas autoras Nerea Pallarés e Cynthia Menéndez e o escritor e xornalista Arturo Lezcano, alén de actividades xa consolidadas como a limpeza de fondos mariños, apadrinada este ano polo campión nacional e europeo de paddle surf Guille Carracedo, e o Mercado Mar de Mares, que este ano volve ao emprazamento do Parrote os días 6 e 7 de xuño.
Neira agradeceu aos organizadores de Mar de Mares o seu esforzo por conseguir que o festival ofreza en cada edición "un espazo de encontro ao redor do mar e a súa influencia na cidade desde moi distintos aspectos: a cultura, a economía, a conservación do litoral, a biodiversidade, a ciencia ou a gastronomía". "Nestes trece anos máis de 300.000 persoas gozaron das actividades deste evento, que ao carón do Goberno de Inés Rey se consolida como un referente de divulgación e sensibilización sobre o mar no noroeste da Península", engadiu.
Nas máis de 20 actividades programadas a partir do 4 de xuño as persoas que se inscriban de forma gratuíta poderán gozar de múltiples actividades como visitas á Lonxa coruñesa, ao Instituto Oceanográfico e á torre de control marítimo; paseos polo porto; avistamento de aves e, como novidade, unha sesión de ioga fronte ao mar. Tamén se celebrará de novo o IV Foro Azul, que reunirá a expertos en economía, industria e empresas relacionadas co mar.
Toda a programación e a información necesaria para inscribirse nas actividades pode atoparse na web do Concello e na do festival (festivalmardemares.org).

12 de maio de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible