9 de xullo de 2026
Gonzalo Castro destacou a publicación como “unha ferramenta de visibilidade” que permite achegar á cidadanía a diversidade e riqueza do tecido artístico local
O Concello da Coruña presentou esta tarde na Sala Municipal de Exposicións de Palexco o catálogo da primeira exposición colectiva de Estudios Abertos 2026, unha publicación que recolle e documenta o traballo das artistas e dos artistas participantes nesta edición do programa. No acto participaron o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, así como diversas persoas creadoras presentes na mostra.
A presentación do catálogo supón o peche dunha edición especialmente significativa para Estudios Abertos, que este ano celebrou a súa primeira gran exposición colectiva tras oito edicións de xornadas de portas abertas nos espazos de creación da cidade. A mostra, que pode visitarse ata o 12 de xullo en Palexco, reúne unha ampla representación do traballo desenvolvido por artistas coruñeses en disciplinas como a pintura, a escultura, a fotografía, a ilustración, a cerámica e outras propostas de carácter multidisciplinar.
Durante a súa intervención, Gonzalo Castro destacou que esta publicación constitúe "o colofón desta primeira exposición colectiva de Estudios Abertos" e lembrou que a iniciativa responde á vontade de dar un paso máis na visibilización do tecido artístico local. "Despois de anos abrindo os estudos á cidadanía, grazas ao apoio da nosa alcaldesa, Inés Rey, a esta celebración, esta exposición e o seu catálogo permitiron reunir nun mesmo espazo unha parte moi significativa da enerxía creativa que existe na nosa cidade", sinalou.
O edil puxo en valor o papel da publicación como ferramenta de coñecemento e difusión. "Este catálogo non é só a memoria dunha exposición. É tamén un directorio, un mapa e unha ferramenta de visibilidade que nos axuda a recoñecer que A Coruña conta cunha escena artística plural, activa e interxeracional", indicou.
Nesta edición participaron arredor de 70 artistas a través de 55 estudos, aos que se sumou unha programación expandida desenvolvida en 41 espazos de creación da cidade. Un esforzo colectivo que, segundo destacou Castro, permitiu fortalecer os vínculos entre a comunidade artística e a cidadanía.
O concelleiro incidiu tamén na importancia de favorecer o acceso público aos procesos de creación contemporánea. "A cultura non pode quedar pechada unicamente nos seus espazos habituais. Ten que circular, saír ao encontro da xente e permitir que a cidade se mire a si mesma doutro xeito", afirmou.
Primeira edición
A exposición colectiva naceu como unha actividade complementaria ás xornadas de portas abertas celebradas a comezos de xuño, coa finalidade de ofrecer unha visión de conxunto do panorama artístico coruñés e reforzar a proxección pública das creadoras e creadores da cidade. A mostra permitiu reunir obras de máis de sesenta artistas nun mesmo espazo expositivo, consolidando unha nova liña de traballo para futuras edicións do programa.
Castro aproveitou a ocasión para agradecer o traballo desenvolvido polo comisario da mostra, Nilo Casares, polo deseñador do catálogo, Carballal, e polo conxunto de artistas participantes. Ademais, reiterou o compromiso do Goberno de Inés Rey de seguir fortalecendo o proxecto. "Estudios Abertos é un dos programas culturais máis queridos e con maior capacidade de crecemento da cidade. O noso obxectivo é seguir mellorándoo e consolidalo como unha cita estable, recoñecible e compartida por toda A Coruña", concluíu.

29 de maio de 2026

19 de maio de 2026

15 de maio de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible