9 de novembro de 2025
A mostra, que poderá visitarse ata o 23 de novembro no Quiosco Alfonso, inclúe máis dun cento de pezas construídas a partir de obxectos atopados e transformados en arte
O Concello da Coruña continúa coa programación arredor da exposición "Seica na Coruña", do artista Xesús Carballido, unha proposta que poderá visitarse no Quiosco Alfonso ata o 23 de novembro e que reúne máis dun centenar de obras construídas a partir de obxectos atopados e ensamblados: tipos de imprenta, etiquetas, botóns, conchas, xoguetes ou papeis en desuso que o artista transforma en colaxes e composicións de gran valor plástico, simbólico e emocional.
No marco desta programación, o venres 21 de novembro ás 19.00 horas celebrarase a presentación oficial do catálogo da exposición, nun acto que contará coa presenza do propio autor, quen realizará ademais unha visita guiada pola mostra.
"Seica na Coruña é unha mostra que convida á contemplación activa e á emoción. A obra de Carballido fala da identidade, da memoria e da capacidade de crear beleza desde o máis cotián. Desde o Concello da Coruña celebramos poder acoller propostas culturais que nos conectan co noso pasado, coa nosa maneira de mirar e co noso futuro como cidade creativa e aberta", afirmou a alcaldesa da Coruña, Inés Rey.
Comisariada por Marta Lucio Gómez, a exposición percorre distintas series da traxectoria artística de Carballido. A súa linguaxe plástica, en diálogo co surrealismo e a estética do Pop Art, bebe tamén da tradición do objet trouvé e do ready-made, e reivindica unha arte feita desde a memoria e a emoción. Segundo o historiador e museólogo Felipe Senén, autor dun dos textos do catálogo, "Carballido argalla poesía visual con obxectos esquecidos, recoñecibles por todos, e convídaas a vivir de novo noutras narrativas, como quen ensambla versos soltos nun poema visual".
Visita guiada e presentación do catálogo
A presentación do catálogo terá lugar o venres 21 de novembro ás 19.00 horas no Quiosco Alfonso, con entrada libre ata completar aforo. O acto incluirá unha visita comentada por Xesús Carballido, quen compartirá co público os procesos, referencias e historias que dan forma ás súas pezas.
Actividades de dinamización para público infantil
A programación inclúe ademais dúas actividades educativas orientadas a público infantil, co obxectivo de fomentar a creatividade e a reflexión sobre o valor simbólico dos obxectos e a memoria que conteñen.
As actividades son de balde e teñen prazas limitadas a 15 participantes por sesión. A inscrición estará dispoñible desde o 11 de novembro ás 10.00 h a través das ligazóns habilitadas.
Con esta mostra, o Quiosco Alfonso consolídase como espazo de referencia na programación artística da cidade, achegando propostas contemporáneas que favorecen o pensamento crítico, a educación artística e a participación cidadá.

2 de decembro de 2025

2 de decembro de 2025

28 de novembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible