16 de xuño de 2016
A concelleira de Medio Ambiente, María García, saudou a distinción a nivel estatal de “medidas innovadoras que contribúen á protección do espazo natural”, e apelou á corresponsabilidade veciñal “para avanzar e mellorar nos coidados da cidade dun xeito consciente”
O Concello da Coruña vén de recibir o premio Escoba de Platino, un galardón binanual que recoñece as mellores iniciativas a nivel estatal en materia medioambiental en canto á xestión de residuos e limpeza nos municipios. O premio, outorgado pola Asociación Técnica Atregus, distinguiu o programa 'Festas Sostibles', posto en marcha polo Goberno local no mes de agosto de 2015, como unha das actuacións medioambientais institucionais máis destacadas do Estado nos últimos dous anos. A concelleira de Medio Ambiente, María García, sinalou que este galardón supón "un impulso e recoñecemento" á xestión do executivo coruñés "á hora de implementar medidas innovadoras que contribúan a protexer o medio ambiente e a saúde da poboación", á vez que apelou á corresponsabilidade para avanzar nesta liña. "As festas son unha parte fundamental da vida da Coruña, e a veciñanza tamén quere gozar do seu barrio e as súas praias en boas condicións. O coidado da Coruña ten que seguir mellorando e, para acadar unha cidade máis limpa, é preciso a colaboración de todas e todos", afirmou a responsable municipal.
O proxecto piloto 'Festas Sostibles' puxo en marcha no mes de agosto unha serie de accións de xestión ambiental que contemplan estudos e medidas orientadas a facer máis sustentables as celebracións así como mellorar a sensibilización cidadá sobre os residuos nestes eventos, ao tempo que se promove o coidado dos espazos públicos onde se desenvolven.
O programa analiza, entre outras medidas, o consumo de enerxía, a produción de ruídos e residuos ou a accesibilidade aos espazos, co obxectivo de realizar achegas de mellora ambiental e lograr un catálogo de boas prácticas ambientais para a celebración das distintas festas que teñen lugar no termpo municipal, de xeito que esta información poida ser empregada, tanto por institucións como colectivos veciñais, para acadar futuros actos festivos respectuosos co medio ambiente e o espazo público.
Ademais de 'Festas sostibles', entre os proxectos piloto medioambientais levados a cabo neste último ano polo Concello atópanse, entre outros, a proposta dos Ecovasos ou o tratamento e limpeza con métodos ecolóxicos, posto en marcha polo executivo local no mes de outubro, co obxectivo de fomentar da biodiversidade urbana, a renaturalización e o manexo ecolóxico e sostible dos parques e zonas verdes da cidade. A iniciativa limitou o uso na vía pública de herbicidas, principalmente aqueles que conteñen glisfosato, á fin de acadar unha cidade "limpa e libre de tóxicos", explicou a edil de Medio Ambiente. Todas estas medidas foron acompañadas de programas e campañas informativas para fomentar a colaboración cidadá e sensibilizar á veciñanza sobre os coidados da súa contorna, como no caso da celebración de San Xoán, na que o Goberno local promove a iniciativa Móllate! para acadar unha festa máis sustentable.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible