Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de agosto de 2017

O Concello reclamará á empresa que explota o elevador e o miradoiro do monte de San Pedro o reintegro dos 603.090 euros aboados polos exercicios 2010, 2011 e 2012 ao concluír que existiu enriquecemento inxusto

A Concellería de Medio Ambiente trasladará á vindeira Xunta de Goberno local o arquivo do procedemento iniciado para a revisión de oficio dos acordos polos que o Concello aprobou entre 2011 e 2013 as contas de explotación da entidade e iniciará, na mesma sesión, esta nova vía de reclamación

A Concellería de Medio Ambiente trasladará á vindeira Xunta de Goberno local, fixada para este venres, o arquivo do procedemento iniciado para a revisión de oficio dos acordos para a aprobación das contas de explotación da entidade Miramar de San Pedro -que xestiona o elevador e o miradoiro do monte de San Pedro- correspondentes aos anos 2010, 2011 e 2012, e a adopción de novas medidas para requirir á empresa o reintegro ás arcas municipais de 603.090,04 euros, que a empresa percibiu en concepto de cobertura de déficit de explotación. A decisión, tal e como indica a concelleira desta área, María García, tómase logo de que o goberno local iniciase en decembro do ano pasado o procedemento de revisión de oficio,  ao ter indicios de que o déficit alegado pola empresa nestas tres anualidades, que motivou o aboamento desa cantidade -desglosada en 238.817,40 euros en relación á conta de explotación do 2012; 225.824,87 euros relativos a 2011, e 138.447,77 euros, a 2010- "non é real e está sobredimensionado", tal e como quedou recollido polo Interventor xeral en outubro de 2015 e consta tamén nun informe do servizo de Medio Ambiente de decembro de 2016.

Como indica a responsable municipal de Medio Ambiente, no marco dese procedemento de revisión, o Concello solicitou, o pasado mes de marzo, o informe preceptivo do Consello Consultivo, de cara á posible revisión de oficio daqueles acordos da Xunta de Goberno, datados entre abril de 2011 e xullo de 2013, pola concorrencia de nulidade de pleno dereito. "Aínda que o ditame do Consello Consultivo apunta a unha vía distinta á iniciada polo goberno coruñés para o reintegro, a súa resolución si avala a tese de fondo do Concello. O que nos vén dicir o órgano consultivo é que o reintegro do exceso de facturación detectado non debe levarse a cabo no marco dun procedemento de revisión de oficio, senón que cómpre iniciar unha vía diferente", expón a concelleira, que salienta que o ditame do Consello Consultivo valida as conclusión dos informes municipais emitidos no curso deste procedemento. Estes respaldaban -caso do informe do emitido polo xefe de servizo de Medio Ambiente o pasado mes de maio- que a empresa trasladou datos pouco fiables e custes sobredimensionados.

O Consello Consultivo indica que, "á vista das comprobación efectuadas na conta de explotación de 2013" e da súa proxección sobre as contas de 2010, 2011 e 2012, "parece claro" que se produciu un "exceso de facturación". Neste sentido, e como pon como exemplo a concelleira, o Consello Consultivo estima que o incremento dos custes anuais derivados do prego de cláusulas que rexe o contrato se aplicou na facturación efectuada pola empresa, pero tamén á facturación derivada de empresas subcontratadas pola propia concesionaria, "de xeito que o Concello estaría asumindo por duplicado os referidos conceptos". Tal e como establece a resolución,  esta causa non se considera suficiente para fundamentar a revisión de oficio das liquidacións, se ben "cuestión distinta é que poida considerarse un comportamento contrario á boa fe contractual, xa que mediante a subcontratación de empresas do mesmo grupo empresarial se estaría a incrementar artificialmente o custo de explotación como consecuencia do citado efecto acumulativo, duplicando os gastos xerais e o beneficio industrial das dúas empresas".

Deste xeito, e como expón García, o Concello adoptará na  Xunta de Goberno local unha vía para ordenar á empresa o reintegro das cantidades adebedadas ao Concello pola actividade de 2010, 2011 e 2012 "debido ao enriquecemento inxusto do que, entendemos, se ten beneficiado a empresa concesionaria, cun correlativo empobrecemento das arcas municipais".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión