Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

28 de marzo de 2016

O Concello retomará as negociacións co Goberno central para recuperar o uso do antigo cárcere da Torre e “devolverllo á cidadanía”

O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, que hoxe mantivo unha xuntanza con representantes de Proxecto Cárcere, confirmou que o SIEP xa amosou a súa disposición a facer un investimento para a conservación do edificio da prisión provincial

O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, avanzou hoxe que o Goberno local retomará as negociacións coa Sociedade Estatal de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios SA, SIEP, para recuperar o uso da parcela na que se asenta a antiga prisión provincial da Torre “e poder devolverlle así o uso para a cidadanía”. O responsable municipal mantivo na mañá deste luns unha xuntanza con representantes da asociación Proxecto Cárcere para analizar as consecuencias da recente sentenza pola que a Audiencia Nacional vén de validar o convenio de 2005 no que se establecían os termos para a transmisión ao Concello desa finca e para a construción do Centro de Inserción Social, e que impón ao ente municipal o pago de 1,2 millóns de euros para recuperar a titularidade da mesma, acordo que, no ano 2014, foi anulado mediante un decreto do Goberno coruñés dese momento.

O Goberno local, indica o concelleiro, presentará un recurso ante o Tribunal Supremo contra esta última resolución da Audiencia Nacional, ao considerar que prexudica aos intereses municipais e aos veciños e veciñas, “xa que impide que as antigas instalacións penitenciarias, hoxe en desuso, poidan ser recuperadas para o o barrio e para toda a cidadanía”. Pero ademais, e en paralelo a este procedemento xudicial, o Concello volverá a negociar co SIEP as condicións para a cesión temporal do uso da finca, tal e como adiantou na xuntanza desta mañá o responsable de Rexeneración Urbana.

Como destaca Varela, o organismo estatal xa remitiu unha proposta de convenio ao Concello, na que acepta realizar un investimento para obras de conservación e consolidación do inmoble do antigo edificio penitenciario, un documento que se está a analizar, a través da asesoría xurídica municipal, para poder facer as correspondentes emendas e comezar a negociación. “O que temos que mirar son os termos de redacción do convenio, cuestións de investimento e prazos”, apunta o concelleiro, quen fai notar que este acordo de cesión “non é incompatible coa iniciativa do Goberno coruñés para recuperar a titularidade da parcela do antigo cárcere nin afecta ao proceso xudicial” aberto en relación ao decreto do ano 2014 para a nulidade do convenio de 2005 relativo á construción do Centro de Inserción Social e á desafectación da parcela do antigo cárcere provincial, así como os pagos.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión