Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

26 de maio de 2023

O Concello saca a concurso a concesión da nova cafetería do Pazo dos Deportes de Riazor

Ademais, hoxe adxudicouse o servizo de salvamento e vixilancia nas praias da Coruña, que entrará en funcionamento o xoves 15 de xuño e estará operativo ata mediados de setembro

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a licitación da concesión da cafetería do Pazo dos Deportes de Riazor, un servizo que se prestará por un prazo de dez anos, improrrogables. A empresa adxudicataria deberá asumir un canon mínimo anual de 3.377,33 euros.

Esta nova instalación, que ampliará o servizo ao público no Pazo, ocupará unha superficie total de case 92 metros cadrados, inclúe dúas barras con distintas ubicacións, dous espazos diferenciados de cafetería -un aberto, situado na entrada do edificio, e un pechado-, así como dous almacéns.

O expediente de contratación, que recibiu luz verde este venres, pasará a continuación a exposición pública por un prazo de 30 días hábiles, mediante o correspondente anuncio no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e a súa publicación no perfil do contratante do Concello da Coruña.

O servizo de salvamento nas praias entrará en funcionamento o 15 de xuño

Ademais, hoxe adxudicóuselle á empresa Top Rescue o novo contrato do servizo de salvamento e socorrismo nas praias da Coruña, que estará operativo desde o xoves 15 xuño ata o 15 de setembro. O orzamento do servizo é de 538.813 euros anuais.

O contrato será prorrogable por un ano máis, e será aplicable no mesmo período que este verán.

Neste sentido, o contrato inclúe a prestación de 200 horas adicionais para a organización de actividades de carácter formativo en eidos como os primeiros auxilios.

A maiores, o persoal de salvamento disporá de cinco táboas de rescate durante toda a duración do contrato.

Adxudicado o servizo de recollida de animais domésticos

Hoxe, a Xunta de Goberno Local tamén lle adxudicou á empresa Servicios Gallegos de Lacería o contrato asociado ao servizo de recollida, transporte, mantemento e residencia de animais domésticos no termo municipal.

O contrato, que implicará un investimento anual de 477.708 euros, ten unha duración inicial de dous anos, e será susceptible de prórroga anual por outros tres exercicios máis, ata un total de cinco. A supervisión e vixilancia do cumprimento do contrato corresponderalle á dirección da Área de Medio Ambiente.

Concesión de subvencións nominativas

Tamén este venres se aprobou a concesión dunha subvención nominativa á Asociación Ciudadana de Lucha contra la Droga (ACLAD), co obxectivo de financiar os gastos de mantemento das actividades das unidades asistenciais de atención ás persoas enfermas drogodependentes. A dita subvención ascende a 220.000 euros.

Ademais, a Área municipal de Benestar Social autorizou a maiores a concesión doutra subvención nominativa de 150.000 euros á Institución Benéfico Social Padre Rubinos, que axudará a financiar o programa de axudas sociais desenvolvido pola entidade e dirixido a persoas en situación de necesidade no termo municipal.

Licitación do contrato de seguridade e vixilancia nas dependencias municipais

Noutro dos puntos da orde do día, a Xunta de Goberno autorizou a saída a licitación do servizo de seguridade, vixilancia e control de accesos nos edificios municipais pertencentes ao Concello e tamén ao Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE).

O servizo terá duración ata o 30 de novembro de 2026, sen posibilidade de prórroga. A este respecto, o contrato, repartido en nove lotes, ten un valor total de 10.673.819 euros. Entre os lotes inclúese, ademais, un específico destinado ao control de calidade do servizo.

O investimento vai destinado a reforzar a seguridade e vixilancia de instalacións como a estación de autobuses, o parque de bombeiros de Agrela, os recintos deportivos municipais, a Rede de Bibliotecas Municipais, o Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón, o Centro Sociocultural Ágora, o Fórum Metropolitano, a rede municipal de casas-museo, os centros cívicos municipais, os edificios dos Museos Científicos Coruñeses (Aquarium Finisterrae, Casa das Ciencias e Domus), parques como os do monte de San Pedro e Bens, os cemiterios municipais, o centros municipais de emprego dos Rosales e Agrela, o viveiro de emprendemento Accede Papagaio e o Coliseum da Coruña, entre outras.

Ademais, tamén se contempla este reforzo para datas sinaladas como as festas de San Xoán e outro tipo de eventos, como servizos extraordinarios na rúa.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión