30 de agosto de 2025
A semana pasada saíu a concurso o contrato para prestar o servizo, cunha oferta de máis de 2.400 horas de actividades pedagóxicas e de aprendizaxe para nenas e nenos de 6 a 12 anos
O Concello vén de licitar o servizo de organización, desenvolvemento e programación das actividades que se levarán a cabo nos vindeiros meses nas ciberaulas repartidas entre os diversos centros cívicos municipais.
Esta iniciativa, concibida especialmente para menores de 6 a 12 anos pertencentes a familias en risco de exclusión social, "é unha das medidas que está a potenciar o Goberno de Inés Rey para fomentar a conciliación familiar e laboral das e dos coruñeses", tal e como explicou a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa.
A previsión do Concello é ofertar máis de 2.400 horas de actividades plantexadas para que as nenas e nenos aprendan hábitos de vida saudable, den renda solta á súa creatividade e, ademais de descubrir e impulsar o seu talento individual, tamén interioricen a importancia de colaborar e traballar en clave colectiva.
Isto é posible grazas á existencia de espazos integrados onde a rapazada contará con equipamentos informáticos, tamén audiovisuais, de lectura e áreas de xogos infantís, habilitados en centros cívicos da Coruña como os de San Diego e Os Mallos, entre outros.
Desta forma, e ao longo dos vindeiros doce meses, as e o menores participantes nas ciberaulas poderán tomar parte nestas actividades extraescolares das que se informará ao detalle nas vindeiras semanas, toda vez se adxudique o contrato e se formalice o calendario definitivo coa programación completa.
Como xa é habitual nestes casos, a previsión do Concello é que as actividades se leven a cabo en horario de tarde, de luns a venres. Tamén haberá oferta fóra da tempada lectiva, xa en horario de mañá, en datas como o Nadal, as vacacións de verán e a Semana Santa.
Nereida Canosa, que destacou o traballo constante do equipo de profesionais do servizo de educación e atención familiar (SEAF) do Concello, puxo en valor esta proposta, "que contribúe a dar un apoio extra ás familias coruñesas en situación de vulnerabilidade socioeconómica, tamén a reforzar o seguimento sobre as nenas e nenos nos casos nos que se detecte un maior risco de exclusión".
Tamén che pode interesar

28 de novembro de 2025

13 de novembro de 2025

17 de setembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible