6 de marzo de 2026
Os traballos, que arrincarán nos próximos días, permitirán nivelar esta parcela e adecuala para usos públicos, para completar así a urbanización deste ámbito próximo ás canchas de baloncesto de Eirís
O Concello iniciará proximamente os traballos de mellora previstos no soar onde conflúen a avenida da Lamadosa e a rúa Jerónimo Vázquez Franco, unha intervención que permitirá adecuar esta parcela urbana -sen uso- e darlle unha uniformidade estética con respecto á súa contorna.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, contextualizou esta actuación, que permitirá completar a urbanización do ámbito entre a avenida de Monelos, a da Lamadosa e as rúas Javier López López e Jerónimo Vázquez Franco, superficie residencial na súa meirande parte mais onde tamén hai unha pequena praza con diversos equipamentos públicos ao aire libre, como as canchas de baloncesto de Eirís, un parque infantil e un espazo biosaudable.
"Ata o pasado verán, a parcela sobre a que imos actuar estaba sendo utilizada como enclave asistencial e de apoio pola promotora que está a edificar na avenida da Lamadosa. Agora, xa sen as casetas de obra, é posible intervir para nivelar o soar, retirar especies invasoras e, posteriormente, axardinalo", explicou a edila.
Neste sentido, o plan de traballos establecido polo Concello arrincará nos vindeiros días. Hoxe instalaranse os paneis informativos da obra e tamén o peche perimetral que delimitará o espazo de actuación. E, xa a curto prazo, comezarán as tarefas de movemento de terras, retirada de escombros e, finalmente, a achega de terra vexetal para enriquecer o terreo para, posteriormente, sementar o céspede. Ademais, tamén está previsto habilitar un valado na parte máis próxima ao noiro, para reforzar a seguridade.
Reconversión de soares abandonados en novos espazos públicos
A intervención nesta parcela entre a Lamadosa e a rúa Jerónimo Vázquez Franco reforza a liña de acción en que está a traballar o Goberno de Inés Rey para lles dar resposta ás demandas veciñais a través do Plan de barrios 2025-27 e promove a humanización e a renovación dos espazos públicos en espazos que, nalgúns casos, levaban décadas sen urbanizar ou sen propostas claras de adaptación.
É o caso da superficie que se está a remodelar entre as rúas Antonio Ríos e Cerca, onde o Concello está adaptando unha parcela que anteriormente era un foco de maleza e insalubridade e na que se está actuando para crear unha pequena praza e, ao mesmo tempo, completar un perímetro de beirarrúas inexistente ata agora, para facilitar así o tránsito peonil por esta parte do Castrillón.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible