20 de agosto de 2026
A segunda edición do festival celebrarase do 2 ao 5 de setembro na Coruña, e a proposta combina cine, creación audiovisual, literatura, exposición e propostas familiares
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou hoxe no Fórum Metropolitano o Festival de Cinema Fantástico e de Terror Lóstrego, que se celebrará do 2 ao 5 de setembro. Unha cita que volve ofrecer na cidade o mellor cine fantástico cunha programación dirixida a todos os públicos. A mostra organízase coa colaboración do Concello, no marco do plan de dinamización da programación cultural impulsado polo Goberno de Inés Rey.
Durante catro xornadas, Lóstrego ofrecerá proxeccións, estreas, unha sección oficial de curtametraxes, talleres, encontros con profesionais, actividades infantís, espazo literario e unha exposición de arte, consolidando o Fórum Metropolitano como punto de encontro para o cine fantástico na Coruña.
Un dos grandes atractivos desta segunda edición será a súa aposta por achegar ao público películas inéditas ou de especial relevancia dentro do panorama fantástico. A programación inclúe a estrea en Galicia de "Chainsaws Were Singing", así como a preestrea mundial de "Rough Dog", que poderá verse por primeira vez dentro do festival. A elas súmase a estrea en Galicia de "Luger", coa presentación da actriz Ana Turpin.
"Lóstrego é un festival esencial para afondar e redescubrir o cine de xénero. Unha das grandes citas coa sétima arte na cidade. Para o Concello é un orgullo axudar a facer posible que iniciativas así poidan seguir no tempo e instalándose na cidade", subliñou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.
A programación cinematográfica, indicou o concelleiro, complétase con catro bloques da Sección Oficial de Curtametraxes, distribuídos ao longo do festival, ademais dunha sesión específica de curtametraxes infantís e a sección Lóstrego en 60", ampliando o espazo dedicado á creación audiovisual e aos novos talentos.
Do cine á creación: talleres e encontros con profesionais
Lóstrego volve apostar pola participación do público a través dunha programación de talleres que permitirá achegarse de forma práctica a distintos ámbitos da creación cinematográfica.
Entre as propostas destaca o taller "Crea a túa propia prop", impartido por Marc Castro, profesional especializado na creación de atrezo e props para cine. Tamén se desenvolverá o taller "Guión: da idea á pantalla", con Santiago Bolívar, orientado a descubrir o proceso que permite transformar unha idea inicial nun proxecto audiovisual. O programa incorpora ademais diferentes actividades prácticas e familiares, como "Crea a túa máscara de Mochito", Traballos manuais máxicos, a Xincana Máxica e outras propostas destinadas a que o público infantil poida participar activamente no festival. Os encontros con profesionais terán tamén un peso salientable. O festival contará cun coloquio sobre o fantaterror, unha charla sobre o mundo da dobraxe con Sara Polo e Adán Latonda e un encontro dedicado á distribución da curtametraxe con F. Pazín.
Unha mirada ao bestiario e á literatura galega
A programación de Lóstrego esténdese tamén ao ámbito expositivo coa inauguración dunha exposición de bestiario galego, unha proposta que conecta o imaxinario fantástico coa estética do tarot. A mostra abrirá as súas portas durante o festival e poderá visitarse como parte das actividades paralelas.
A literatura terá igualmente o seu espazo cun coloquio, presentación e sinatura de libros, reforzando o carácter multidisciplinar dun festival que entende o fantástico non só como un xénero cinematográfico, senón como un territorio común para o cine, a literatura, as artes e a creación.
Cine fantástico para todos os públicos
A programación familiar terá unha presenza especial durante os catro días do festival. Entre as películas programadas atópanse "Mary y la flor de la bruja" e "Guardiana de dragones", ademais de actividades como contacontos, propostas creativas e a recreación infantil "O libro mecánico". A programación complétase con xogos e unha festa de disfraces vinculada á gala de inauguración, así como diferentes actividades participativas que buscan converter o Fórum Metropolitano nun espazo de encontro para espectadores de todas as idades.
Gala de clausura e entrega de premios
O festival concluirá o sábado 5 de setembro coa entrega de premios e a gala de clausura, que terá lugar no auditorio do Fórum Metropolitano ás 19.30 horas. A continuación, ás 20.00 horas, proxectarase "Scream" con motivo do seu aniversario, poñéndolle o ramo a catro xornadas dedicadas ao cine fantástico e de terror.
Con esta segunda edición, Lóstrego continúa crecendo como espazo de encontro ao redor do cine fantástico apostando por achegarlle á Coruña propostas audiovisuais, profesionais e artísticas vinculadas ao xénero. A programación completa e a información sobre as actividades e reservas poden consultarse nesta ligazón.

20 de agosto de 2026

20 de agosto de 2026

18 de agosto de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible