11 de maio de 2026
O festival diverso máis importante do noroeste de España, o Atlantic Pride, anuncia un cartel con máis dunha vintena de actuacións no que destaca a presenza de grupos icónicos da música española como Azucre Moreno, Soraya, María Isabel ou Jorge González.
Así o anunciou a alcaldesa da Coruña, Inés Rei, que lembrou que "a cultura é un vehículo para a liberdade e o orgullo é unha expresión cultural de primeiro nivel. O Atlantic Pride representa a perfecta simbiose entre unha programación de calidade, a expresión da diversidade afectiva e sexual e o carácter acolledor da nosa cidade", indicou a rexedora. Ademais, a alcaldesa apuntou que "A Coruña ten un papel protagonista como capital cultural do noroeste, e este festival é unha das súas expresións máis potentes e transformadoras".
O Atlantic Pride celebrará así a súa sétima edición -do 5 ao 12 de xullo- conectando con públicos de distintas xeracións no que xa é o festival LGTBIQ+ de referencia no norte peninsular. Trátase, segundo Luís Pazos, codirector do festival, dun festival "aberto e diverso, nado para celebrar a liberdade, a visibilidade e o dereito de todas, todes e todos a vivir o espazo público con orgullo".
Deste xeito, o Atlantic Pride propón oito xornadas de música e celebración ao redor da diversidade sexo-afectiva e de identidade na que promete ser, novamente, nunha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular.
Doutra banda, o Atlantic Pride suma outra nova edición, a quinta xa, do Certame de Literatura LGTBIQ+, que está aberto a recibir propostas ata o próximo 31 de maio. A estas propostas culturais hai que engadir unha das grandes novidades do festival: O Atlantic Drag!
Artistas que completan un cartel reivindicativo
O público poderá gozar de propostas musicais que van desde a sensibilidade íntima e innovadora de Alba Reche, ata a enerxía potente e visceral de Julieta , unha das voces máis influentes do novo pop catalán, pasando pola forza en directo de Ricky Merino e o estilo provocador e festivo de Kika Lorace, que transforma cada actuación nunha festa de humor e diversidade.
O festival presentará, tamén, «ZAHARAVE», o espectáculo electrónico de Zahara , que conxuga o poder do techno cunha escenografía impactante, creando unha experiencia única e reivindicativa.
Ademais, o talento galego emerxente estará tamén presente nos escenarios do Atlantic Pride este verán, grazas a bandas e artistas como arde, Jonydasvie, Montedapena, raze e Terrae Dj's. Power pop, pop-punk, pop urbano, World Music, electrónica, músicas de baile e sons de raíz encherán o escenario da súa man.
O "Orgullo do Norte" contará con nomes de pegada nacional e internacional como Miriam Rodríguez e Whigfield, que non defraudará co seu himno Saturday Night. A fantasía e o humor chegará da man das raíñas do performismo Choriza May, Pitita, Chloe Vittu, lea Nena Delantro, Electra, Kim Miller, Saia Santa e Sasha Moon.
Atlantic Drag
O Atlantic Pride estreará unha nova proposta, o Atlantic Drag!, unha divertida homenaxe ao talento local, á súa forza escénica e a toda a creatividade, a liberdade e a reivindicación humorística e festiva que a arte drag supón para a cidade. As 13 raíñas do transformismo que enorgullecerán o Atlantic Drag na Praza de Pontevedra serán: Agata Terrier, Ball Monte, Cloe Savage, Escarlatina Pier, Kara, Kelly Amethyst, Kit, Meri Krishna, Muna Duval, Nomi Bull, Rrrita, Xen e Yvhanne Klown, todas elas, recoñecidas caras de espazos de referencia da escena drag galega, como o Claro Parva! ou It's Estafe for Drag.
Finalmente, as sesións disco que abrirán e pecharán as actuacións estarán a cargo de Ouro Jondo, Dennis Moore, Paola, DJ Cés, DJ90, DJ Licho e DJ Flashback.

11 de maio de 2026

8 de maio de 2026

8 de maio de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible