17 de febreiro de 2016
Representantes do Concello, a Deputación e a Xunta comprometéronse hoxe a apoiar un programa de ópera na Coruña “sostible, estable e viable”
O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, participou na mañá deste mércores dunha xuntanza na que estiveron representados o Concello, a Deputación e a Xunta, así como portavoces da asociación Amigos da Ópera, no pazo de María Pita, co obxecto de valorar de forma conxunta as posibilidades de colaboración na programación lírica na cidade da Coruña. Neste sentido, o responsable municipal confirmou ao remate da mesma que o Goberno local achegará este ano 80.000 euros, a través da Fundación Emalcsa, para as actividades operísticas, co obxectivo, sinalou, “de dar unha dimensión social ao programa e abrilo a novos públicos”.
Tal e como salientou o responsable municipal, durante o encontro os e as representantes das tres administracións manifestaron a súa vontade de manter unha programación dedicada á lírica na cidade “que sexa sostible estable e viable economicamente”, co fin de que permaneza no tempo e non estea suxeita a circunstancias extraordinarias. A este fin, o Goberno local vén de manter coa Xunta e a Deputación varias reunións encamiñadas a chegar a un acordo de financiamento do que na mañá de hoxe fíxose partícipe a Amigos da ópera, a asociación encargada nesta edición da xestión do programa lírico. As tres administracións coincidiron, froito deses encontros, ao reiterarlle a Amigos da Ópera a intención de continuar cunha colaboración económica que permita desenvolver un programa lírico de calidade, que a asociación poida xestionar anualmente, e que teña un financiamento sustentable no tempo. Tamén constataron, para vindeiras edicións, a necesidade de aumentar as achegas doutras entidades públicas e privadas.
Aos 80.000 euros que achega o Concello da Coruña sumaranse, para este 2016, as achegas da Deputación e a Xunta, de 125.000 euros cada unha. Tal e como se estima desde as tres administracións, ao engadir a esas cantidades os 75.000 euros do Ministerio de Educación, Cultura e Deportes, así como a recadación das actividades realizadas (aproximadamente 80.000 euros), dá como resultado unha cifra próxima aos 500.000 euros, un orzamento que permite que a asociación desenvolva unha programación de calidade durante o período de setembro a decembro de 2016.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible