Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

25 de xaneiro de 2024

O Concello asumirá a limpeza viaria, a recollida de residuos e o saneamento tras ter chegado a un acordo coa directiva da comunidade de propietarios para a cesión dos espazos viarios e públicos

O Goberno municipal aproba a proposta de regularización do polígono de Pocomaco máis de 50 anos despois da súa construción

José Manuel Lage: "Temos chegado a un acordo coa directiva da asociación de propietarios para poder regularizar unha situación anómala, o que permitirá mellorar con investimentos públicos o polígono de Pocomaco nos vindeiros anos"

O Goberno municipal e a directiva da Comunidade de Propietarios de Pocomaco chegaron esta semana a un acordo para regularizar a situación do polígono e cederlle ao Concello -que se fará cargo do seu mantemento e mellora- as súas vías. 

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a proposta de convenio que permitirá poñer fin a unha situación irregular. O polígono, de promoción privada, impulsouse no ano 1966, mais desde entón non se culminara o procedemento legal de cesión de espazos viarios, zonas verdes e espazos públicos, polo que o mantemento destes corría a cargo dos propietarios e non resultaba posible o establecemento de servizos públicos nun espazo privado. 

"Temos chegado a un acordo coa directiva da asociación de propietarios para poder regularizar unha situación anómala, o que permitirá mellorar con investimentos públicos o polígono nos vindeiros anos", indicou o concelleiro responsable da Área de Economía e Planificación Urbana, José Manuel Lage. A alcaldesa, Inés Rey, impulsou desde o pasado mandato as negociacións cos propietarios co fin de darlle unha solución ao polígono, que levaba máis de cinco décadas nunha situación irregular, explicou Lage.

Lage explicou que o Concello asume mediante este acordo a mellora dos pavimentos, a modernización, saneamento e instalación de novo mobiliario urbano no polígono nos vindeiros catro anos, e asume tamén a limpeza viaria e recollida de lixo. O acordo permitirá mellorar o transporte público no polígono e facilitará a instalación de servizos municipais como é o caso de BiciCoruña. 

Pola súa banda, os propietarios deberán executar itinerarios peonís, como indica a normativa, e mellorar a iluminación adaptándoa á normativa para a súa entrega ao Concello. 

"O convenio servirá para poñer fin a unha situación anómala e permitirá axilizar as licenzas, mais tamén realizar investimentos en solo público que ata agora non se podían facer por estar en mans privadas", indicou Lage Tuñas. A proposta, aprobada hoxe en Xunta de Goberno, será elevada a Pleno para a súa ratificación. Unha vez aprobada, os propietarios do polígono deberán ratificala en asamblea para facela efectiva. 

Os viais de Pocomaco suman 88.711 metros cadrados, aos que se engaden 2.002 metros cadrados de camiños de servizos e 43.008 metros de zonas de servizos para o paso de canalizacións.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión