Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

21 de febreiro de 2024

O Goberno municipal aproba o proxecto de construción dun novo edificio de 50 vivendas de promoción pública no barrio de Xuxán

O inmoble, que estará situado na parcela Z-37 do antigo Parque Ofimático, incluirá vivendas en réxime de alugueiro social. Nos tres sotos proxectados haberá, ademais, máis dun cento de prazas de aparcamento

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta mañá a sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, na que se aprobou o proxecto de execución dun novo edificio de 50 vivendas de promoción pública no barrio de Xuxán, inmoble que tamén disporá de locais comerciais e sotos con garaxes.

Esta iniciativa, incluída nos Orzamentos 2024, abre camiño a unha das principais liñas estratéxicas marcadas pola rexedora neste mandato: a de impulsar o parque de vivenda pública na cidade da Coruña. "Non é unha competencia propia, mais cos nosos recursos tentaremos paliar a ausencia de investimentos suficientes por parte de quen si ten esas competencias e non inviste na cidade", recalcou Inés Rey.

Este novo edificio de vivendas públicas no barrio de Xuxán construirase na parcela Z-37, un soar de titularidade municipal que está situado entre as rúas Longarela e Cernadas. O soar en cuestión ten unha superficie de 1.600 metros cadrados e unha edificabilidade total de case 7.000 metros cadrados. "Cómpre lembrar que a parcela en si xa conta con servizos urbanísticos como os de abastecemento de auga potable, evacuación de augas residuais á rede separativa de saneamento e subministracións de enerxía eléctrica, factores de relevancia, porque isto acurta o camiño cara ao acceso final ás vivendas", indicou a alcaldesa.

Das 50 vivendas, unha quinta parte serán adaptadas

O edificio que se construirá na parcela Z-37 de Xuxán estará configurado da seguinte forma: terá tres sotos baixo rasante, destinados a garaxes e rochos; unha planta baixa, onde haberá tres espazos de uso común e tamén catro locais comerciais; cinco alturas, destinadas a usos residenciais; e unha cuberta na que se proxectou tamén unha zona verde, unha aposta de carácter medioambiental que incluirá diversas áreas axardinadas.

A construción do inmoble, promovido polo Concello con fondos propios e tamén procedentes das convocatorias Next Generation, suporá a creación dun total de 50 novas vivendas, das que un total de dez serán adaptadas. "Isto último é un dato que hai que ter moi en conta, porque, atendendo á normativa para os edificios de promoción pública, un mínimo de dúas das 50 vivendas do bloque deben cumprir os requisitos necesarios para que nelas habiten, sen obstáculos, persoas con mobilidade reducida. O noso Goberno vai facer un total de dez, cinco veces máis do mínimo estipulado", apuntou Inés Rey.

Por outra banda, entre os tres sotos baixo rasante crearanse 104 prazas de aparcamento para automóbiles, das que un total de 12 serán adaptadas para persoas con mobilidade reducida, dúas máis das esixidas pola normativa vixente. Haberá, ademais, 14 prazas de estacionamento para motos e tamén se habilitarán espazos para patinetes eléctricos. A este respecto, do total de prazas de estacionamento proxectadas, medio cento contarán con carga para vehículos eléctricos e as restantes incluirán preinstalación de carga.

Tras a adxudicación, 24 meses para a súa execución

O seguinte paso para materializar o novo edificio de Xuxán, destinado a alugueiro social, será a licitación das obras. Unha vez que se adxudiquen, o prazo de execución será de 24 meses.

O investimento previsto polo Concello de cara á construción deste novo edificio de vivenda de promoción pública en Xuxán é de 10,2 millóns, dos que 2,4 son procedentes de fondos Next Generation, unha quinta parte do total.

"A vivenda é un dereito constitucional e é un problema tamén para moitas persoas que non poden pagala. Por iso, este Goberno municipal aposta pola promoción en alugueiro social de vivenda pública", concretou a alcaldesa, Inés Rey.

Plan especial de infraestruturas e dotacións para o Club Financiero

Noutra orde de asuntos, a Xunta de Goberno Local aceptou hoxe a tramitación dun plan especial de infraestruturas e dotacións no bloque onde está situado o antigo Club Financiero, que toca de preto ás avenidas de Alfonso Molina e San Cristovo, así como á rúa Salvador de Madariaga.

Neste sentido, o Concello ten previsto modificar as actuais condicións urbanísticas no bloque ocupado por esta parcela, adaptándoo á actual demanda de equipamentos comerciais na zona, o que suporá a reordenación dos actuais usos dotacionais na contorna. "Trátase, en definitiva, de facilitar novos usos nunha parcela que levaba moito tempo cerrada e sen actividade", expuxo a rexedora na rolda de prensa desta mañá.

Licenzas para a instalación de ascensores no barrio da Sagrada Familia

Ademais, este mércores, na Xunta de Goberno Local tamén se fixo balance das licenzas resoltas no período entre os días 2 e 15 de febreiro, con 172 expedientes notificados, dos que 27 foron licenzas urbanísticas e 88 foron obras en réxime de comunicado.

Entre as licenzas que recibiron o visto e prace da Concellaría de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda cómpre destacar tres, que permitirán a instalación de senllos ascensores en tres edificios do barrio da Sagrada Familia, co que se mellorará así a accesibilidade das veciñas e veciños dos bloques en cuestión. Dous dos edificios están situados na rúa Belén e outro na rúa San Xaime.

Adhesión á central de contratación da FEMP

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a proposta de adhesión do Concello á central de contratación da Federación Española de Municipios e Provincias, a FEMP. "Un dos motivos polos que formalizamos esta adhesión é que así o Concello poderá optar a condicións máis favorables na contratación de obras, servizos e subministracións. É dicir, que será máis sinxelo acadar aforros para as arcas municipais nas licitacións. Ademais, tamén poderemos axilizar procesos administrativos", explicou a alcaldesa.

Cómpre lembrar que esta adhesión non ten carácter vinculante para o Concello e tampouco suporá ningún compromiso económico para as arcas municipais.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión