Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

8 de marzo de 2024

O humor gráfico da arxentina Diana Raznovich chega este 8M á Casa Museo Casares Quiroga cunha mostra de banda deseñada en clave feminista

O Concello promove tamén roteiros, obras de teatro e actividades deportivas dentro da programación municipal do Día da Muller

Este venres 8 de marzo conmemórase o Día Internacional da Muller, unha xornada cunha intensa actividade institucional municipal e na que cobra especial protagonismo a figura da novelista, poeta e ilustradora arxentina Diana Raznovich, autora dunha nova mostra de humor gráfico en clave feminista, 'Imparables', que quedou aberta ás visitas na Casa Museo Casares Quiroga ata o vindeiro día 31 de marzo. A alcaldesa, Inés Rey, acompañada da concelleira da Área de Benestar Social, Yoya Neira, presidiu o acto de apertura da exposición.

"Desde o Concello continuaremos promovendo numerosas actividades que reivindican a figura da muller e a importancia de que teña o mesmo peso en todos os ámbitos", sinalou a alcaldesa durante a súa intervención, apuntando que o 8 de marzo é "un día de reflexión, mais tamén de acción" para avanzar cara a igualdade.

Raznovich, nada en Bos Aires no ano 1945, foi alumna do escritor e poeta Jorge Luis Borges na universidade bonaerense. Xa na década dos setenta, coa ditadura militar arxentina e a desaparición do seu primeiro marido, emigrou a España, onde viviu primeiro en Madrid e, actualmente, en Alacante. Durante anos, Raznovich traballou para o diario Clarín, o máis importante da Arxentina. E, ademais, desenvolveu obras de teatro que foron traducidas a diversos idiomas e representadas a nivel internacional.

No referente ao seu traballo no eido da banda deseñada, Raznovich reflicte situacións cotiás cunha mirada irónica coa que convida a reflexionar sobre o papel das mulleres na sociedade, os seus avances e tamén o camiño que queda por percorrer. Neste sentido, a creativa suramericana expón a súa intención de "construír realidades paralelas, ficcións e viñetas que poñan de manifiesto a caducidade dos valores baseados na desigualdade". E agrega que "o feminismo, un movemento pacífico, é unha revolución imparable para acadar a igualdade entre mulleres e homes, unha revolución permanente na que lamentablemente aínda hai moito por facer".

'Imparables', a nova mostra que chega mañá á Casa Museo Casares Quiroga incide especialmente no "humor feminista, que escasea", subliña Raznovich, que non puido asistir ao acto de apertura.

Unha xornada con múltiples actividades

Inés Rey participou esta mañá tamén no acto conmemorativo convocado pola Delegación do Goberno, onde recitou o poema 'Ritos de Resisténcia', do libro 'Ruído', de Luísa Villalta. A rexedora quixo invitar á cidadanía a participar nos numerosos actos programados polo Concello ao fío deste Día da Muller. A programación de actividades polo 8-M na Coruña inclúe unha xornada de portas abertas no rocódromo municipal de Riazor. A través desta proposta búscase incidir no fomento das actividades deportivas cunha perspectiva de xénero e tamén achegar as novas xeracións a hábitos saudables, gozando de disciplinas deportivas emerxentes como a escalada.

Ademais, este mediodía tivo lugar o terceiro e último dos 'Roteiros en feminino' promovidos polo Goberno de Inés Rey nesta campaña polo 8-M. A iniciativa, ideada para dar a coñecer a historia das mulleres referentes da cidade que están presentes no rueiro da Coruña, desenvolveuse na Cidade Vella.

A alcaldesa invitou tamén á cidadanía a participar na marcha convocada ás 20.00 horas. A concentración comezará no Obelisco e rematará na Fábrica de Tabacos. O Teatro Rosalía de Castro tamén se une aos actos conmemorativos do 8-M coa primeira das dúas funcións de 'Nevenka', de Histrión Teatro en coproducción con Portal 71. A obra comezará, tanto hoxe como mañá, ás 20.30 horas.

Ás 21.00 horas, no auditorio do Fórum Metropolitano terá lugar o espectáculo teatral 'A nena de ninguén', de Mafalda Garrido e Sergio Serrano. O proxecto, de La Zafirina e coproducido xunto a Russafa Escènica, está ideado para todos os públicos. As entradas teñenun custo de 9 euros, con descontos especiais para as persoas posuidoras do Carné Xove, as que estean en situación de desemprego e as maiores de 65 anos.

A programación completa prevista co gallo do Día Internacional da Muller pode consultarse na web do Concello, a través desta ligazón.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión