25 de abril de 2015
A segunda edición do festival está programada para o sábado 13 de xuño a partir das 20.30 horas
O Concello da Coruña, a través da Concellería de Cultura, informa de que o Coliseum acollerá, o próximo 13 de xuño, a segunda edición do Oiste's Rock no que participarán Over Kill, Helloween, Angelus Apatrida e Lords of Black.
Trátase da segunda edición do Festival de Rock que naceu o ano pasado cun cartel nacional de prestixio encabezado por Los Suaves e Rosendo. Nesta ocasión, a cita dá o salto e toma unha cor máis metal achegando á cidade a dous referentes no xénero: Over Kill, o primeiro grupo de thrash metal cunha extensa discografía de 16 álbums e máis de 30 anos de exitosa carreira; e Helloween, unha das exportacións do metal máis respectados de Alemaña e unha das bandas máis influentes de todo o mundo. Ademais, a formación albaceteña Angelus Apatrida presenta o seu novo traballo; e preséntase Lords of Black, a banda formada polo cantante Ronnie Romero, o guitarrista Tony Hernando, o batería Andy C. e o baixista Víctor Durán.
O concerto arrinca ás 20.30 horas e abriranse as portas a partir das 19.00 horas, esperándose máis de cinco horas de música de alto impacto. As entradas xa están á venda con prezos que oscilan entre os 35 euros da localidade en bancada, aos 41 euros do tendido baixo numerado. As localidades en pista teñen un custo de 38 euros. As persoas interesadas pódenas adquirir nos lugares habituais de compra: en Afundación, a través da web entradas.ataquilla.com, no despacho de entradas da súa sede (de luns a sábado de 09.00 a 21.00 horas) ou no teléfono 902 504 500; no despacho da praza de Ourense (de luns a venres, de 09.30 a 13.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas); ou no despacho do Coliseum, os días de función.
O Oiste's Rock convértese así na primeira das seis citas musicais que recibirá o Coliseum coruñés en escasos dous meses, entre xuño e agosto, atendendo ademais a un xénero musical sen representante de momento na programación do 2015, todo co obxectivo de superar os 200.000 usuarios este ano. Así, tras esta cita, chegaralle a quenda a Melendi (20 de xuño), Hombres G (4 de xullo), Pablo Alborán (11 de xullo), Sting (14 de xullo) e Alejandro Sanz (8 de agosto).
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible