Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

22 de maio de 2026

O Plan de barrios 2025-27 avanza coa inminente humanización da rúa Arquitecto Rey Pedreira, que se renovará para gañar en accesibilidade

O Concello ultima os preparativos para reurbanizar o conxunto da rúa, que gañará superficie peonil con pavimentos modernos e tamén máis arboredo, mantendo, ademais a bolsa de estacionamento existente

A partir deste luns, o Concello daralle un novo pulo ao Plan de barrios 2025-27, que sumará unha nova actuación na rúa Arquitecto Rey Pedreira, onde está previsto acometer a renovación integral dos seus espazos públicos para modernizala e, especialmente, gañar accesibilidade peonil.

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, informou hoxe de que os traballos se executarán no conxunto da rúa, desde a rolda de Outeiro ata o cruzamento coa rúa Cronista Constantino Armesto, co que mellorará así a calidade urbana deste percorrido que discorre en paralelo á avenida do Peruleiro.

A transformación da rúa Arquitecto Rey Pedreira será especialmente visible nos percorridos peonís. Aproveitando o ancho actual da calzada, o Concello ampliará as beirarrúas de ambas as marxes, renovarase o pavimento da superficie de paso e actuarase tamén nas interseccións coas rúas perpendiculares como José Careaga e Juan González Rodríguez.

Elevaranse os pasos peonís existentes co obxectivo de contribuír ao calmado do tráfico e, de paso, tamén se aproveitarán puntos estratéxicos da rúa para plantar novos exemplares de arboredo e crear algunha nova área axardinada ao longo dun percorrido que, a día de hoxe, carece disto na meirande parte da rúa.

Tal e como aclarou a concelleira, a intervención en Arquitecto Rey Pedreira non terá ningún impacto na bolsa de estacionamento existente na rúa, xa que a reconfiguración de espazos planificada polos servizos municipais permitirá sumar máis superficie peonil sen que isto afecte ao número de prazas gratuítas para aparcar que hai na zona.

En paralelo, actuacións de mellora na rúa Luis Díaz González

Froito tamén dos encontros informativos do Plan de barrios 2025-27, o Concello aproveitará a actuación en Arquitecto Rey Pedreira para acometer unha serie de melloras nunha das rúas paralelas, Luis Díaz González.

A rúa, peonil na súa totalidade, conecta a rolda de Outeiro co paseo da Rolda e é, no seu conxunto, un percorrido de acceso aos bloques residenciais próximos. Agora, o Goberno de Inés Rey dará resposta ás demandas veciñais para subsanar as necesidades existentes no pavimento de formigón, aproveitando a intervención para reverdecer a praza: sumarase unha nova franxa vexetal paralela ao parque infantil que hai nesta superficie ao aire libre.

Tamén che pode interesar

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión