Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

4 de maio de 2015

O Plan RUA inicia a súa actividade no barrio da Agra do Orzán

Durante 15 días, a iniciativa chegará a 60 rúas e prazas da zona actuando sobre un total de 83.000 metros cadrados

O Concello da Coruña, a través da Concellería de Medio Ambiente que dirixe Enrique Salvador, informa de que o Plan RUA actuará, a partir de hoxe, luns 4 de maio, no barrio da Agra do Orzán. Así, durante 15 días, a iniciativa chegará a 60 rúas e prazas da zona, actuando sobre un total de 83.000 metros cadrados.

O Plan RUA pretende levar a cabo, dunha forma coordinada, unha serie de actuacións co obxectivo de conseguir unha cidade máis limpa, ordenada e sustentable. Para iso, ademais dun plan de limpeza intensivo, lévanse a cabo unha serie de actuacións nos elementos urbanos e de infraestruturas cunhas necesidades inmediatas, mediante un labor de planificación e coordinación. En total participarán 30 servizos municipais para conseguir espazos máis sustentables coa colaboración dos veciños.

Así, realizaranse distintas actuacións, como limpeza e aseo de calzadas, rúas e prazas, e mobiliario urbano; mantemento de zonas verdes; ou reparación de distintas incidencias, entre as que destacan as relacionadas coa iluminación pública. En concreto, levaranse a cabo as seguintes actuacións:

- Baldeo de beirarrúas, calzadas e prazas.

- Limpeza e mantemento de mobiliario urbano.

- Reposición de 20 colectores.

- Limpeza e mantemento de 50 papeleiras.

- Limpeza de 4.500 metros lineais da rede de sumidoiros da zona. Limpeza e mantemento de 230 pozos da rede de sumidoiros e de 300 sumidoiros.

- Mantemento de xardíns e zonas verdes.

- Mantemento de dous parques infantís e un parque biosaudable.

- Presenza do punto limpo móbil.

- 30 actuacións en iluminación pública.

- Mantemento de 13 marquesiñas e indicadores de dirección.

Ademais, durante os días de actuación do Plan RUA na zona, ao non haber coches estacionados nas rúas, realízase a detección de vehículos abandonados, xa que un dos obxectivos do Plan RUA é retirar coches abandonados das rúas da cidade. Así, dende a primeira fase do plan abríronse expedientes a máis de 200 vehículos abandonados, dos cales 190 desapareceron da vía pública.

Así mesmo, durante os días nos que actúa o plan no barrio, estará presente o punto limpo móbil que se situará nunha rúa distinta cada día. O horario é de 09.00 a 14.00 horas, de martes a sábado. Con este servizo achégase á cidadanía o punto de recollida de residuos reciclables ou contaminantes procedentes dos fogares que deben ser tratados de maneira especial. Este punto de recollida cambia de localización para facilitar o acceso aos distintos puntos da cidade.

O punto limpo móbil serve para depositar pequenas cantidades dos denominados residuos perigosos do fogar, como son o aceite doméstico, aerosois, pequenos electrodomésticos electrónicos, baterías e acumuladores, lámpadas e fluorescentes, radiografías, teléfonos móbiles, pinturas e vernices ou tóner, cartuchos de impresora e outros residuos domésticos.

Ao longo do ano pasado, 1.890 persoas utilizaron o punto limpo móbil, que percorreu máis de 200 rúas, facilitándolles aos veciños o depósito de todo tipo de residuos domésticos nun xestor autorizado. Así, no 2014, recolléronse 9.119 pilas, 1.766 litros de aceite, máis de 1.000 tubos fluorescentes e máis de 1.800 metais e electrodomésticos.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión