6 de marzo de 2017
O Goberno local propuxo á Cámara a modificación de dous equipamentos de titularidade pública, o campo de fútbol de Agrela 2, e unha parte da parcela da Fábrica de Armas
O Pleno municipal do Concello da Coruña, na sesión ordinaria celebrada este luns, acordou a aprobación provisional da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que permite cambiar a cualificación da parcela do colexio Calvo Sotelo para permitir a implantación do uso de residencia universitaria no edificio. Do mesmo xeito, entre os asuntos que foron levados á sesión plenaria e aprobados figura tamén a modificación puntual do PXOM no polígono de Agrela-Bens, Fábrica de Armas e Campo de Fútbol de Eirís para a súa aprobación provisional, que foi aprobada por unanimidade de todas as formacións do arco municipal. Neste caso, e tal e como explicou o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, "o cambio persegue unha dobre finalidade, como é, por unha banda, a ampliación e mellora da oferta dos equipamentos deportivos da cidade, garantindo unha distribución equilibrada no territorio municipal, e, ao tempo, permitir o desenvolvemento de actividades industriais e terciarias", de cara a potenciar o sector produtivo da cidade sen incorporar novos terreos ao proceso urbanizador, na procura dunha ocupación máis eficiente do solo. Para iso, o Goberno local propuxo ao Pleno a modificación de dous equipamentos de titularidade pública existente, o campo de fútbol de Agrela 2, na rúa José María Rivera Corral, e unha parte da parcela da Fábrica de Armas -da que é concesionaria o Concello- e, igualmente, a acción para o traslado ao barrio de Eirís do equipamento deportivo, así como o seu acondicionamento, para que poida converterse nun campo regulamentario e dotado con instalacións como vestiario ou gradas.
En relación á parcela do colexio Calvo Sotelo, a proposta aprobada con maioría absoluta, como se require neste caso (cos votos a favor do grupo de Goberno, BNG e PSOE, e a abstención do PP), prevé o cambio de modificación do solo, que até agora tiña a consideración de dotación local, a sistema xeral de equipamento docente e a inclusión dentro dos usos compatibles o uso residencial, na clase de residencia comunitaria, para posibilitar este futuro uso, de acordo co establecido no convenio de colaboración asinado a finais do pasado ano entre Concello, Universidade da Coruña e Deputación, para que o edificio, de titularidade provincial, posúa nos seus usos aquel que lle permita desenvolver o proxecto da residencia. Deste xeito, o cambio "favorece a utilización das parcelas de equipamento docente de sistema xeral para proporcionar aloxamento universitario de titularidade pública, un uso previsto legalmente, en condicións de dignidade e suficiencia, cuestión que consideramos razón de interese público". "Estamos diante dunha demanda histórica desta cidade, que sacaremos adiante grazas tanto á labor que se está a desenvolver dende a Deputación, como o que se ten levado a cabo dende o Goberno local", indicou o edil.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible