12 de setembro de 2016
A Cámara tamén dá luz verde a unha moción do grupo de Goberno en defensa da educación pública e para instar á Xunta de Galicia a frear os recortes de profesorado
O Pleno municipal aprobou esta tarde, por unanimidade, unha moción, presentada de forma conxunta por todos os grupos da Corporación en defensa do mantemento dos postos de traballo na antiga Fábrica de Armas, formulada polo comité de empresa de Hércules de Armamento, empresa que actualmente ten a concesión, outorgada polo Goberno estatal, da explotación da factoría. Os grupos con representación no hemiciclo deron o visto e prace a esta iniciativa que avoga "por instar á Xunta, así como a Administración estatal, a desenvolver cantas accións sexan necesarias para garantir o mantemento da producción e dos postos de traballo da antiga Fábrica de Armas". Igualmente, e sempre co obxectivo de manter os 155 postos de traballo relacionados de forma directa con esta empresa, a moción aprobada insta ao propio Concello a promover unha reunión conxunta dunha representación do cadro de persoal de Hércules de Armamento, coa dirección da empresa, Ministerio de Defensa, Delegación de Goberno en Galicia, Consellería de Economía, Emprego e Industria, e alcalde do Concello da Coruña, "para abordar entre todos e todas a situación e a coordinación das actuacións precisas para que se manteñan os postos de traballo e a actividade industrial".
Ademais, na sesión plenaria tamén recibiron o visto e prace outras mocións, entre as que destaca a impulsada polo grupo que sustenta o Goberno local en defensa da educación pública e contra os recortes de profesorado impulsados pola Xunta de Galicia. A iniciativa recibiu tanto o apoio dos e das concelleiras do Executivo local, así comos os e as edís de PSOE e BNG. A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, indicou que "os últimos anos están marcados por políticas de recortes e de abandono da educación e dos seus profesionais por parte da administración autonómica e estatal, do que da exemplo o aumento alarmante das taxas de temporalidade". Así, a responsable municipal indicou que o catálogo escolar aprobado pola Consellería de Educación para o vindeiro curso vai na mesma liña, e ademais deixa nunha situación de desamparo "aos centros educativos con necesidades especiais, ao corresponder aos mesmos un 25% das prazas de profesorado eliminadas: 5 de pedagoxía terapéutica, 1 de audición e linguaxe e 19 de orientación". Así, o Pleno acordou rexeitar os recortes no cadro de persoal do profesorado previsto para o curso 2016-2017 nos centros educativos da cidade, así como instará á Consellería de Educación a garantir a calidade das escolas públicas, "revertendo os recortes realizados nestes últimos anos nos cadros de profesorado dos centros educativos".
Por outro lado, tamén saiu aprobada unha moción presentada polo grupo municipal do Bloque para instar á Xunta de Galicia á defensa do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) pola que a Corporación municipal amosa a súa solidariedade co conxunto do cadro de persoal desta entidade. Ademais, o Pleno instará á Administración autonómica a "retirar a proposta de modificación da relación de postos de traballo no CGAI, e proceder á reposición das prazas amortizadas". Esta moción contou cos votos favorables do grupo de Goberno, PSOE e BNG, e a negativa do PP. Ao fío, a concelleira de Participación, Claudia Delso, solicitou á Xunta colaboración tanto coas entidades dependentes da administración autonómica na cidade, como cos eventos que anteriormente si apoiaba, caso da Regata de Grandes Veleiros, ou citas deportivas destacadas como é o caso da Copa do Rei de Baloncesto. Tamén recibiu o visto e prace unánime outra moción presentada polo grupo nacionalista en apoio aos e ás traballadoras dos centros de chamadas da cidade e que insta ao Pleno a "reivindicar unhas condicións de traballo máis xustas para o sector". Igualmente deuse luz verde por unanimidade de todos os grupos a outra iniciativa do Bloque que avoga por "iniciar os trámites necesarios para levar a cabo unha modificaicón parcial do PXOM na que se contemple unha nova ordenación na contorna da Torre de Hércules, que non permita construcións na zona buffer de protección". "Este Goberno sempre defendeu e defenderá a protección da Torre a súa contorna. Alédame especialmente que unha cuestión coma esta se inicie cun consenso deste tipo, aínda que hai que destacar que a situación urbanística coa que nos atopamos ao chegar a María Pita hai un ano, era e esta a ser especialmente complexa, precisamente derivado das xestións levadas a cabo polas anteriores corporacións", comentou o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela.
Pola banda do grupo socialista, tamén recibiu o visto e prace de todos os grupos do Pleno a unha moción que insta ao mesmo a exixir a realización das inversións previstas no aeroporto de Alvedro, que se reclamen melloras de accesibilidade por vía terrestres e que, na mesma liña, "se demande á Xunta de Galicia un trato semellante para as tres terminais galegas, sen discriminacións, e evitando que o aeroporto coruñés sexa relegado tanto en inversións autonómicas como en destinos". "A Xunta non pode facer deixadez das súas funcións, e debe apostar polo comité de rutas, sobre todo agora que en dúas das tres cidades con aeroportos hai formacións dispostas a poñer en marcha actuacións de traballo coordinadas e en rede", explicou o concelleiro Lema. Dentro das iniciativas socialistas, a Cámara tamén deu luz verde a unha moción para efectuar durante este ano unha relación de emplazamientos posibles para ubicar na cidade o proxecto do Museo da Automoción da Fundación Jorge Jove. "Este Goberno local ten moi claro que este museo non se vai construír no Parque de Bens, xa que queremos manter o seu carácter de equipamento público e de pulmón da cidade. Isto, non obstante, non quere dicir que esteamos en contra ou non nos pareza interesante o Museo do Automóbil. O que nunca permitiremos é que Bens se converta nunha pista automobilística", destacou Varela, quen reiterou á Fundación Jorge Jove o ofrecemento do Concello a que presente novas ubicacións. A moción saiu aprobada cos votos a favor do grupo de Goberno, PSOE e PP e a abstención do BNG. Tamén foi aprobada unha terceira moción socialista --cos votos a favor do PSOE e a abstención do resto de grupos-- de impulso á posta en marcha dun plan de apoio municipal ás persoas maiores. "A maioría das propostas que se recollen nesta moción xa están postas en marcha, mentres que as que non, non as podemos levar a cabo polo feito de non ser competencia do grupo de Goberno, de aí a nosa abstención, se ben compartimos moitas das iniciativas plantexadas", explicou a titular de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán.
Por parte do PP, saiu a favor, co apoio dos grupos de PSOE e BNG, unha moción que solicita maior "transparencia" nos procesos de contratación municipal. A este respecto, a concelleira de Facenda e Administración, Eugenia Vieito, recordou que "por primeira vez se publican contratos menores de forma pública, cousa que antes nunca se levara a cabo". Tamén indicou que nesta lexislatura "por primeira vez os membros da oposición forman parte das mesas de contratación, publícanse as actas de apertura dos concursos, así como os informes de valoración de propostas técnicas e económicas, que fan funcionarios, e non persoal eventual, como pasaba antes". Ao fío da transparencia nas contratacións, Vieito comentou que no que vai de lexislatura 175 contratos foron licitados nun procedemento de concurso aberto, "dando máis oportunidades para poder optar a eles". Ademais, fronte aos dous contratos menores publicados no perfil do contratante da web municipal en 2014, baixo o mandato do anterior Goberno municipal, dende a chegada do actual Executivo son públicos na citada web 141 contratos menores.
Asuntos
Por outro lado, o Pleno municipal deu luz verde a aprobación inicial do expediente de modificación do Orzamento do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) así como o recoñecemento extraxudicial de obrigacións aprobado no Consello Reitor de 2 de setembro de 2016, por valor de algo máis de 6.000 euros, cantidade que segundo explicou o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, irá destinada a facer fronte ao pago de dereitos da autor derivados de distintas actuacións levadas a cabo en centros municipais dependentes do IMCE. "A SGAE, que é a depositaria do 80% das facturas, realiza a súa liquidación despois da celebración dos espectáculos, polo que as facturas non poden calcularse con anterioridade, o que nos leva a abordar este modificación, como unha actuación habitual e de trámite", comentou o edil.
Por outro lado, tamén se aprobou, por maioría absoluta (como requiría) a adhesión como socio ao Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Sur. Trátase dunha asociación sen ánimo de lucro, que ten com obxectivo a integración de administracións locais e entidades públicas dependentes das mesmas para que, de forma cooperativa, desenvolvan diversas iniciativas de impulso ao sector pesqueiro. Dividida en diversos subgrupos segundo os ámbitos xeográficos, o grupo Golfo Ártabro Sur, comprende, na actualidade e á espera da entrada definitiva como socio da Coruña, aos concellos de Arteixo, Bergondo, Cambre, Culleredo, Oleiros e Sada. "É unha oportunidade para avanzar nun sector que consideramos clave como é o pesqueiro, e ademais é un paso máis dentro das actuacións que está a impulsar este Goberno local para establecer traballos en rede con toda a área metropolitana", indicou o titular de Emprego e Economía Social, Alberto Lema.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible