Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

30 de outubro de 2017

O Pleno debaterá a adhesión da Coruña á Rede de Cidades Saudables, logo de recibir a luz verde da Comisión de Xustiza Social

Silvia Cameán indica que “entre outras vantaxes, A Coruña poderá participar de convocatorias públicas de subvencións en materia sanitaria e de fomento de hábitos saudables que requiren estar neste ente”

A comisión municipal de Xustiza Social debateu este luns a proposta da concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, de que A Coruña se adhira á Rede Española de Cidades Saudables (RECS), así como á denominada Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención. O órgano, que non ten carácter executivo, deu luz verde á iniciativa cos votos do grupo de goberno, PSOE e BNG e a única abstención do PP. Con este resultado, o debate definitivo terá lugar no próximo Pleno ordinario. A responsable municipal manifestou que "se trata dunha moi boa noticia, que entronca con todo o traballo que está a desenvolver o Concello por facer desta unha Cidade de Coidados, cun entorno que fomente condicións de vida saudables e activas". Ao fío, a edil indicou que a inclusión da Coruña nesta entidade, que traballa tanto coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) como co propio Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, "non só garante a posibilidade de desenvolver traballo en rede con moitas outras cidades do Estado, senón que tamén permitirá ao Concello participar nas convocatorias de subvencións que se realizan periodicamente e que esixen formar parte tanto da Rede como da Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención".

As entidades locais que desexen formar parte da Rede de Cidades Saudables teñen que cumprir unha serie de requisitos, como é, en primeiro lugar, que o seu compromiso de adhesión sexa ratificado polo Pleno municipal, e que se elabore unha análise da situación e un plan de saúde para a cidade. "Na realidade, A Coruña, por si mesma, xa está a traballar en moitos dos aspectos que abarca este ente supramunicipal, por iso cremos que a nosa inclusión será moi positiva", salientou Cameán, que comentou que, na actualidade, 149 cidades forman parte da rede de Cidades Saudables. Entre outros ámbitos, este foro traballa na mellora dos hábitos alimenticios da poboación en xeral, polo fomento da práctica de actividades físicas e deportivas, na prevención da obesidade, a redución do consumo de substancias adictivas, a prevención de todo tipo de enfermidades e o fomento da saúde e o envellecemento activo. A titular de Xustiza Social insistiu na necesidade de que as administracións locais, as máis próximas á cidadanía, "avancen nas tarefas de prevención e promoción da saúde". "Non obstante, tamén resulta imprescindible reivindicar o carácter público dos servizos sanitarios e denunciar os recortes que vimos sufrindo", apuntou.

De xeito paralelo, a intención do goberno local é que a cidade quede tamén adherida á denominada Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención, unha sorte de folla de ruta dende a que os municipios tratan, dende as súas competencias, de fomentar a prevención e a correcta atención de enfermidades crónicas. A implementación local da estratexia de promoción de saúde supón a posta en marcha dunha serie de accións como son a constitución dunha mesa intersectorial que englobe aos sectores da saúde, educación, benestar social, transporte, urbanismo, deportes e medio ambiente, así como a identificación dos recursos comunitarios cos que conta o municipio e que contribúen á saúde e o benestar da cidadanía.

Ao fío, a concelleira recordou que o Concello porá en marcha a maior brevidade o Consello Local da Saúde, un órgano de carácter consultivo e de participación "que pretende dar voz ás entidades que traballan neste ámbito na cidade". Nado a partir dunha iniciativa de SOS Sanidade Pública, o Consello da Saúde está chamado a ser "unha ferramenta potencialmente valiosa para a planificación participada coa cidadanía das políticas encamiñadas a mellorar a saúde da veciñanza". O seu regulamento foi consensuado con diversas entidades do ámbito sanitario da cidade, así como co resto de grupos do arco municipal.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión