30 de marzo de 2016
“Para este Goberno é unha prioridade ter en conta á cidadanía, para que poida adaptarse á nova planificación fiscal, necesaria para periodificar os ingresos do Concello e cumprir co pago a provedores”, salientou a concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, que recordou a moratoria posta en marcha polo Goberno local para este ano que establece o pago do Imposto sobre Bens Inmobles entre o 15 de setembro e o 5 de decembro
O Pleno municipal, nunha sesión extraordinaria celebrada esta tarde, rexeitou, co voto en contra do grupo de Goberno, as abstencións de PSOE e o BNG, e o único apoio do grupo popular, unha proposta do PP que buscaba “aprobar que o Goberno municipal rectifique e adopte os acordos necesarios para que o período de cobro do Imposto de Bens Inmobles (IBI) sexa desde o 15 de setembro ata o 5 de decembro no ano 2016 e nos seguintes”. O Goberno local decidiu este mes de marzo aplicar unha moratoria até o ano que vén ao novo Calendario Fiscal do Concello, que comezará a aplicarse deste xeito en 2017. Así, quen non se acolleu ás facilidades do Plan de Pago Personalizado lanzado a principios de ano polo Goberno local deberá aboar o Imposto de Bens Inmobles (IBI) correspondente ao 2016 entre o 15 de setembro e o 5 de decembro. A falta dos axustes finais, o pagamento deste tributo en 2017 pivotará entre os meses de xuño e setembro, e sempre coa posibilidade de acollerse antes ao pago fraccionado. “Para este Goberno é unha prioridade ter en conta á cidadanía, para que poida adaptarse á nova planificación fiscal, necesaria para periodificar os ingresos do Concello e cumprir co pago a provedores”, destacou a concelleira de Facenda e Administración, Eugenia Vieito, durante a sesión.
A responsable municipal de Facenda e Administración lembrou tamén que a medida adoptada polo Goberno municipal -e á que se aplica esta moratoria ata o 2017 “para facilitar a adaptación dos e das contribuíntes ao novo calendario”- adóptase para evitar “situacións de falta de liquidez como a que nos atopamos cando chegamos ao Goberno municipal” que, como recordou, obrigaron ao equipo de Goberno a ter que recorrer a unha operación de tesourería. Nese sentido, Vieito aludiu aos informes dos servizos municipais nos que se alertaba da “grave situación financeira” na que se atopaban as arcas municipais á chegada do novo Goberno, e nos que se recomendaban medidas para periodificar os ingresos do Concello e evitar a concentración dos ingresos no último trimestre do ano, “entre elas, a modificación do calendario fiscal”.
Tamén incidiu a responsable municipal nas facilidades no pagamento dos tributos locais introducidas este ano co Plan de Pago Personalizado, no que “por primeira vez se permite o aboamento en seis prazos”, cunha bonificación do 3%, bonificación que se estenderá ao imposto de vehículos. “Considerámolo fundamental, a cidadanía ten dereito a periodificar as súas obrigas para poder fraccionalas ou incluso aprazalas en función da súa situación económica”, concluíu Vieito.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible