Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

11 de maio de 2026

O pop interxeracional máis celebrado, diverso e universal súmase ao cartel do Atlantic Pride 2026 con Azúcar Moreno, Soraya, María Isabel e Jorge González

Inés Rey presentou o cartel completo do ‘Orgullo do Norte’, que se celebrará do 5 ao 12 de xullo na Coruña

O Atlantic Pride pecha o cartel da súa sétima edición -que celebrarase do 5 ao 12 de xullo na Coruña- con Azúcar Moreno, Soraya, María Isabel e Jorge González, catro propostas que marcaron distintas etapas da música popular española desde Eurovisión, os 'talent shows' televisivos e as pistas de baile, conectando con públicos de diferentes xeracións grazas a cancións que son xa auténticos himnos do noso imaxinario.

Mentres, aos pratos do festival, nas pinchadas encargadas de abrir e pechar as diferentes xornadas da cita na súa sétima edición, situaranse DJ's de referencia da escena estatal e galega, como Oro Jondo, Dennis Moore, Paola, DJ Cés, DJ90, DJ Licho e DJ Flashback. Xunto a estes novos nomes, no Atlantic Pride 2026 destacan propostas diversas e festivas como «ZAHARAVE», o espectáculo electrónico de Zahara, Miriam Rodríguez, Whigfield, Alba Reche, Julieta, Ricky Merino, Kika Lorace, Tú peleas como una vaca, arde, Jonydasvie, Montedapena, raze, Terrae Dj's, Choriza May, Pitita, Chloe Vittu, la Niña Delantro, Electra, Kim Miller, Saia Santa e Sasha Moon, entre outras.

Así o presentaron esta mañá en rolda de prensa en María Pita, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e os directores do Atlantic Pride, da Asociación Orgullo Coruña (ORCO), Iván Cervo, César Pérez e Luís Pazos. Xunto a eles, participaron tamén no acto a directora de Promoción de Turismo de Galicia, da Xunta de Galicia, Carmen Pita; a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; e o director de Activación en Iberia de Hijos de Rivera, Víctor Mantiñán. Tanto as dúas Administracións como Hijos de Rivera colaboran coa organización do festival.

"A cultura é un vehículo para a liberdade e o orgullo é unha expresión cultural de primeiro nivel. O Atlantic Pride representa a perfecta simbiose entre unha programación de calidade, a expresión da diversidade afectiva e sexual e o carácter acolledor da nosa cidade", sinalou Inés Rey, quen apuntou que "A Coruña ten un papel protagonista como capital cultural do noroeste, e este festival é unha das súas expresións máis potentes e transformadoras".

Entre o 5 e o 12 de xullo, A Coruña volverá ser a sede do 'Orgullo do Norte' para celebrar a sétima edición do Atlantic Pride. O 'Orgullo do Norte' é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo nacido na cidade da Coruña no ano 2019, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva, con propostas musicais para todos os públicos. A cita está impulsada pola Asociación Orgullo Coruña (ORCO) e conta co patrocinio institucional do Concello da Coruña desde os seus inicios.

No acto de presentación celebrado esta mañá, o co-director do Atlantic Pride, Luis Pazos, fixo un repaso das novidades que agardan ao público nesta sétima edición do encontro, e desvelou, tamén, o programa por días do festival, que pódese consultar na web www.atlanticpride.es. Pazos agradeceu os apoios que fan posible a iniciativa e convidou, tamén, a todos os públicos a sumarse á festa e gozar un verano máis da diversidade deste 'Orgullo do Norte' coruñés:

"O Atlantic Pride chega á súa sétima edición consolidado como un festival LGTBIQ+, aberto e diverso, nacido para celebrar a liberdade, a visibilidade e o dereito de todas, todes e todos a vivir o espazo público con orgullo". E engadiu: "Somos un festival que mestura descubrimento musical e nostalxia, novas voces e grandes himnos, figuras que forman parte da memoria colectiva e artistas galegos que cada ano ocupan un lugar fundamental na nosa programación. Porque para o Atlantic Pride a cultura galega é parte da nosa identidade".

Deste xeito, neste 2026, o Atlantic Pride propón oito xornadas de música e celebración ao redor da diversidade sexo-afectiva e de identidade na que promete ser, novamente, nunha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular. Como apunta Pazos, "somos populares, interxeracionais, libres e profundamente diversos. Gústanos a sorpresa, gústanos romper etiquetas e gústanos construír unha programación que non se pareza a ningunha outra. Esta é unha das grandes singularidades do noso festival". O codirector do Atlantic Pride fixo, tamén, unha chamada á participación no V Certame de Literatura LGTBIQ+, aberto a recibir propostas até o vindeiro 31 de maio. E destacou, finalmente, unha das grandes novidades o festival: O Atlantic Drag!

Novos nomes que se suman ao cartel

Azúcar Moreno é un dos dúos máis icónicos da música pop española, formado polas irmás Encarna e Toñi Salazar. Cun estilo único no que fusionan pop, música latina e raíces flamencas, levan máis de catro décadas facendo bailar ao público dentro e fóra de España. A súa carreira comezou nos anos 80 e consolidouse rapidamente grazas á súa forza sobre o escenario e á súa personalidade inconfundible.

O seu salto internacional chegou nos anos 90 tras representar a España no Festival de Eurovisión 1990, coa mítica canción 'Bandido', convertida xa nun himno da música española. Desde entón, encadearon grandes éxitos e álbums inesquecibles como 'Mambo', 'El amor', 'Esclava de tu piel' ou 'Olé', levando a súa música por Europa, América e escenarios de todo o mundo.

Co paso dos anos, Azúcar Moreno mantívose como un símbolo de liberdade, diversidade e celebración, conquistando xeracións co seu carisma e os seus ritmos irresistibles. Hoxe continúan máis vivas ca nunca sobre os escenarios con temas recentes como 'Ay mamá', 'Pa fuera' ou 'La cura', prometendo un directo cheo de enerxía, festa e emoción para celebrar o Orgullo na Coruña.

Soraya Arnelas é unha das grandes referencias do pop-dance español das últimas dúas décadas. A artista extremeña saltou á fama en 2005 tras o seu paso por Operación Triunfo, onde conquistou ao público coa súa personalidade, a súa forza escénica e a súa potente voz. Ese mesmo ano debutou co álbum 'Corazón de fuego', que acadou disco de platino e marcou o inicio dunha sólida carreira musical.

Ao longo destes 20 anos de traxectoria, Soraya consolidouse como unha das artistas máis destacadas da música dance e electrónica en España, con éxitos como 'La noche es para mí', 'Dreamer', 'Feeling You' ou 'Con fuego'. En 2009 representou a España no Festival de Eurovisión, levando a súa música a un público internacional e reforzando a súa presenza nos escenarios europeos. A súa discografía inclúe álbums como 'Ochentas', 'Dolce Vita', 'Sin miedo', 'Dreamer', 'Universe in Me' ou 'Luces y sombra'.

Recoñecida polo seu espectacular directo e pola súa conexión co público, Soraya percorreu durante anos salas, festivais e clubs de toda España e de destinos internacionais como Ibiza, converténdose nun auténtico referente da música de baile e da celebración da diversidade. Actualmente continúa xirando por todo o país mentres prepara unha nova etapa artística co lanzamento do seu próximo álbum 'ILÚMINA', reafirmando a súa evolución constante e a súa paixón polos escenarios.

María Isabel é unha das artistas máis queridas e recoñecibles da música popular española, convertida nun auténtico símbolo para toda unha xeración. Con tan só nove anos, representou a España no Festival de Eurovisión Junior 2004, proclamándose gañadora coa inesquecible canción 'Antes muerta que sencilla', un fenómeno musical que revolucionou o panorama nacional e internacional e marcou o inicio dunha carreira chea de éxitos.

Tras aquel histórico triunfo, María Isabel consolidouse como unha das artistas infantís máis populares do país, encadeando números un e grandes éxitos como 'No me toques las palmas', 'De qué vas' ou 'Mira niño'. Ao longo dos anos protagonizou multitudinarias xiras por toda España, campañas publicitarias, lanzamentos de perfumes e numerosas aparicións televisivas que reforzaron a súa enorme popularidade. En 2007 deu o salto ao cine protagonizando a película 'Ángeles S.A.' e, en 2009, estreouse como presentadora do mítico programa infantil 'Los Lunnis'. Nos últimos anos continuou evolucionando artisticamente con novos sinxelos e sonadas colaboracións con artistas como Juan Magán, ademais de participar en exitosos formatos televisivos como 'Tu cara me suena' ou 'Bailando con las estrellas', onde resultou gañadora.

Actualmente, María Isabel vive unha nova etapa musical como cantante e compositora, cunha renovada proposta artística e unha xira coa que continúa conquistando escenarios de todo o país. No 'Orgullo do Norte', ademais dos seus temas máis queridos, a artista presentará, tamén, o seu último álbum, 'Hora Mágica', cancións para  sentir, bailar e vivir en directo.

Jorge González e un cantante español recoñecido pola súa participación en diversos 'talent shows' televisivos. Con tan só 17 anos, a súa valentía levouno a formar parte da quinta edición de Operación Triunfo, onde conseguiu unha destacada oitava posición. O seu nome comezou a soar con forza tras o seu paso por La Voz, no que acadou un merecido segundo posto, consolidando así o seu talento vocal e escénico.

No ano 2018 participou no prestixioso Festival de Viña del Mar, representando a España con 'Tu Boquita', tema co que fixo bailar a todo o anfiteatro da Quinta Vergara. Máis adiante, no 2020, proclamouse gañador de 'Tu Cara Me Suena', liderando todas as galas. Ese mesmo ano presentou 'Hasta que llueva', un single en colaboración con Moncho Chavea.

En 2021 brillou no certame internacional NEW WAVE en Sochi, onde acadou a medalla de bronce tras sumar 257 puntos. En 2022 publicou o EP 'Íntimo', amosando a súa faceta máis persoal, e xirou con Íntimo Tour, ademais de lanzar 'AGÜITA' xunto a Soraya Arnelas. En 2023 combinou a música co teatro musical en producións como 'The Full Monty' ou 'La Jaula de las Locas'. En 2024 destacou como finalista no Benidorm Fest con 'Caliente', cunha proposta atrevida e contemporánea, mentres na actualidade continúa inmerso na creación de nova música e colaboracións e nunha xira nacional e internacional coa que visitará o Atlantic Pride da Coruña no mes de xullo.

Xunto a estas iconas da música popular de diferentes xeracións, no cartel do Atlantic Pride 2026 destacan tamén queridos DJ's da escena galega e estatal, como Oro Jondo, Dennis Moore, Paola, DJ Cés, DJ90, DJ Licho e DJ Flashback. Xunto a eles, o Coro Cores repetirá sobre o escenario do 'Orgullo do Norte' na última xornada da cita.

Repaso ao cartel completo do Atlantic Pride 2026

O Atlantic Pride encherá de enerxía electrizante os seus escenarios para festexar a súa sétima edición do 5 ao 12 de xullo de 2026. Cunha divertida combinación de talento, identidade e enerxía, o 'Orgullo do Norte' coruñés busca consolidarse, un ano máis, como un evento imprescindible para celebrar a diversidade a través da música.

Co seu cartel, o público poderá gozar de propostas musicais que van desde a sensibilidade íntima e innovadora de Alba Reche, que combina honestidade e evolución sonora, ata a enerxía potente e visceral de Julieta, unha das voces máis influentes do novo pop catalán, pasando pola forza en directo de Ricky Merino e o estilo provocador e festivo de Kika Lorace, que transforma cada actuación nunha festa de humor e diversidade. O festival presentará, tamén, «ZAHARAVE», o espectáculo electrónico de Zahara, que conxuga o poder do techno cunha escenografía impactante, creando unha experiencia única e reivindicativa.

Non faltarán, tampouco, figuras femininas de diferentes xeracións que forman parte do noso imaxinario popular como Azúcar Moreno, Soraya ou María Isabel. Xunto a elas, o televisivo Jorge González visitará A Coruña tras ser seleccionado como finalista do Benidorm Fest 2026, mentres que a diversión sen complexos chegará da man de Tú peleas como una vaca.

Ademais, o talento galego emerxente estará tamén presente nos escenarios do Atlantic Pride este verán, grazas á 'boa vibra' de bandas e artistas galegas como arde, Jonydasvie, Montedapena, raze e Terrae Dj's. Power pop, pop-punk, pop urbano, World Music, electrónica, músicas de baile e sons de raíz encherán o escenario da súa man. Non faltarán á cita formatos híbridos, performance, danza e impactantes proxeccións audiovisuais.

Xunto a elas, o 'Orgullo do Norte' contará con nomes de pegada nacional e internacional como Miriam Rodríguez e Whigfield, que non defraudará co seu himno Saturday Night. A fantasía e o humor chegará da man das raíñas do performismo Choriza May, Pitita, Chloe Vittu, la Niña Delantro, Electra, Kim Miller, Saia Santa e Sasha Moon.

O Atlantic Pride estrea neste 2026 unha nova proposta, o Atlantic Drag! Con ela, o 'Orgullo do Norte' coruñés propón, o tarde-noite do luns 6 de xullo, unha divertida homenaxe ao talento drag local, á súa forza escénica e a toda a creatividade, a liberdade e a reivindicación humorística e festiva que a arte drag supón para a cidade. As 13 raíñas do transformismo que encherán de orgullo o Atlantic Drag na Praza de Pontevedra serán: Agata Terrier, Ball Monte, Cloe Savage, Escarlatina Pier, Kara, Kelly Amethyst, Kit, Meri Krishna, Muna Duval, Nomi Bull, Rrrita, Xen e Yvhanne Klown, todas elas, recoñecidas caras de espazos de referencia da escena drag galega, como o Claro Boba! ou It's Time for Drag.

Finalmente, aos pratos do festival, nas pichadas encargadas de abrir e pechar as diferentes xornadas da cita, situaranse Oro Jondo, Dennis Moore, Paola, DJ Cés, DJ90, DJ Licho e DJ Flashback.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión