13 de marzo de 2017
Iniciación ao surf, fotografía nocturna, xogos de estratexia, improvisación, sendeirismo, piragüismo, primeiros auxilios ou obradoiros de sushi serán algunhas das propostas deste cuadrimestre
Nocturnia, o programa de ocio gratuíto para mozas e mozos de 12 a 30 anos da Concellería de Participación e Innovación Democrática, área que dirixe Claudia Delso, abre esta tarde o prazo de inscrición para a súa edición de primavera-verán, que se desenvolverá nas fins de semana entre os meses de marzo e xullo. Serán máis de 1.700 prazas as dispoñibles para esta nova edición da iniciativa municipal, que ofrece 84 propostas que van desde as actividades deportivas até as formativas, pasando por culturais ou recreativas coa finalidade de favorecer unha educación para o lecer saudable e xerar hábitos que favorezan o desenvolvemento integral da xuventude.
Nesta primeira fin de semana, o programa ofrecerá actividades como obradoiros de escultura móbil, fotografía nocturna, ademais de iniciación aos xogos de rol, de taboleiro ou torneos de videoxogos. Tamén haberá a posibilidade de participar nunha ruta de sendeirismo nos bosques de Brión. Este mes de marzo, as actividades completaranse con roteiros sobre a historia da cidade, obradoiros de repostería sen azucre ou iniciación á esgrima, entre outros.
Para o mes de abril Nocturnia programa experiencias en recintos municipais como o centro Ágora, o Espazo de Iniciativas Xuvenís ou no Pazo dos Deportes de Riazor, entre as que se atopan propostas como pilates, taller de sushi, risoterapia, deseño e estampación en papel, creación de monólogos ou bixutaría con chapas de metal, ademais de rutas de sendeirismo por Vimianzo, Laxe e Carnota.
Xa no mes de maio, as actividades deportivas ao aire libre terán maior protagonismo. Así, sucederanse tanto os roteiros como os obradoiros de iniciación á escalada, body board ou piragüismo, e terán continuidade con sesións de surf e pádel surf en xuño e xullo. A oferta de ocio alternativo completarase estes meses con diversas propostas, entre as que se atopan obradoiros de rap en galego, jugger, roller derby, encadernación oriental, capoeira ou primeiros auxilios e reanimación cardiopulmonar.
A inscrición para as actividades do programa de primavera de Nocturnia realizaranse a través da páxina web www.coruna.gal/cmix con periodicidade semanal, de xeito que, as persoas interesadas en participar nos obradoiros dunha fin de semana, poderán realizar a súa inscrición de luns, desde as 16.00 horas, ata as 12.00 horas do xoves anterior á actividade. Así, desde esta tarde, e até o mediodía do xoves 16, abrirase o prazo de inscrición --ata esgotar as prazas-- para as actividades que terán lugar este venres 17 e o sábado 18.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible